San Sadurniño dedica outubro á responsabilidade no consumo e nas compras públicas
O Concello de San Sadurniño, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -do que o propio municipio forma parte-, a cooperativa A Xoaniña, e a ANPA e o Centro escolar de San Sadurniño, van desenvolver durante a primeira semana de outubro unha serie de actuacións relacionadas co consumo responsable. Unhas van orientadas aos empregados públicos e cargos políticos para que teñan en conta a sustentabilidade económica e social á hora de deseñar os contratos de todo tipo que subscribe a administración, mentres que outras se dirixen aos rapaces e rapazas de cara a que se conciencien de que só temos un mundo, de que os recursos son limitados e de que consumir é un exercicio que se debe facer con sentido, conciencia e responsabilidade.
En colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Xunta de Galicia, organízanse dous obradoiros dentro do programa de educación e sensibilización para o desenvolvemento, que impartirá a entidade Amarante Setem. Os obradoiros comprenden tres actividades con diferente público obxectivo:
Obradoiro de Compra Pública Responsable: É o primeiro obradoiro deste tipo que se organiza en Galicia. Vai dirixido ao persoal técnico e político das corporacións locais co que se pretende achegar á administración pública galega nocións básicas de Compra Pública Responsable e capacitar ás persoas traballadoras das entidades locais na implementación de políticas de contratación acordes con valores de xustiza social e ambiental. Habitualmente os concellos e outros entes públicos priman o prezo e os prazos de execución. Porén, isto está cambiando e agora a administración tende a que calquera prego para subministracións ou contratos recolla e valore aspectos como pode ser o respecto ao ambiente por parte das empresas que concorran ás licitacións, o uso de procesos produtivos sustentables, a implantación de políticas de igualdade, etc. De aí que desde San Sadurniño se promova concienciar as persoas implicadas para que empecen a sopesar eses factores que, en contra do que puidera parecer, non entran en conflito coa normativa sobre contratación á que deben aterse as administracións públicas. A sesión, de tres horas de duración, celebrarase omartes, día 1, entre as 17.00 e as 20.00h. na casa da Cultura.
Charla-obradoiro de Consumo Responsable. Esta actividade está dirixida ao alumnado da ESO. Con ela quéreselle imprimir ao alumnado unha conciencia crítica ao alumnado para que reflexione sobre as características e as consecuencias do modelo de consumo predominante na sociedade actual, ademais de coñecer os elementos definitorios do denominado Consumo Responsable. A charla impartirase o martes, día 1, entre as 15.45 e as 16.45h. na casa da Cultura.
Exposición “Non Te Consumas”. Esta exposición, que se situará no CPI de San Sadurniño, está formada por 15 paneis que fan un percorrido polo modelo de consumo de temos e as súas consecuencias coa mirada posta en ir dándolle a volta ata conseguir un modelo sustentable. Entre os temas que trata: as desigualdades no consumo, a contaminación, a auga, a enerxía, o transporte, a reciclaxe, o consumo responsable, o comercio xusto, as finanzas éticas, a alimentación e a roupa. A exposición permanecerá aberta no CPI de San Sadurniño desde o 1 até o 15 de outubro.
Por outra banda, a ANPA do Colexio, co apoio do Concello, vai organizar unha charla sobre a economía social e o cooperativismo, que será impartida pola cooperativa de consumo ecolóxico A Xoaniña. Esta charla terá lugar o vindeiro xoves 3 de outubro e estará dirixida ó alumnado da ESO.
O obxectivo da charla é facilitar un achegamento á economía social e ao cooperativismo, facilitando datos e referencias que posibiliten unha mellor comprensión destes conceptos por parte do alumnado. Ademais, a charla está organizada de maneira que os rapaces e rapazas poidan intervir e debater sobre ese modelo de mundo alternativo que se está intentando conseguir.











