San Sadurniño acolle un novo curso da Rede Xiana 2

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño e a Deputación da Coruña colaboran na formación de persoas desempregadas por medio do proxecto RedeXiana2, cofinanciado pola entidade provincial e o Fondo Social Europeo. No marco desta iniciativa este luns comezou un curso sobre medio ambiente na agricultura ao que asisten 18 alumnos e alumnas tanto de San Sadurniño como doutros concellos da comarca.

O programa desenvólvese no periodo 2012-2014 nunha ducia de áreas de actuación do territorio da Coruña. San Sadurniño está incluído na zona 2 xunto cos concellos de Ares, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño. O obxectivo final consiste nunha maior profesionalización das persoas desempregadas e a súa inserción no mercado laboral en termos de calidade e responsabilidade social.

O Proxecto Rede Xiana2 comprende itinerarios personalizados de formación e inserción laboral, incluíndo formación, experiencia e prácticas en empresas e asesoramento e apoio laboral. Deste xeito, as persoas participantes recibirán a formación adecuada ás súas necesidades e a orientación e titorización individualizada de xeito permanente ao longo de todo o itinerario.

A formación para a zona 2 centrase nas seguintes accións: formación para a capacitación (obradoiros de emprego, habilidades sociais e comunicativas e alfabetización informática), formación de preformación (responsabilidade social, busca de emprego e NTIC e apoio á preparación para as probas de competencias clave), formación transversal (PRL e medio ambiente na agricultura), formación específica (actividades auxiliares de agricultura e montador/a de estruturas metálicas) e formación complementaria (xerentes de empresas de economía social e comercialización e venda electrónica), que se desenvolverán nos concellos de Ares, Fene e San Sadurniño.

Estes días bota a andar en San Sadurniño a formación transversal coa acción formativa “Medioambiente na agricultura”. O curso comezou esta mañá na casa da Cultura e terá unha duración de 25 horas -dende o 30 de setembro ata o 4 de outubro- impartidas en horario de mañá. Nel participan 18 persoas -6 delas de San Sadurniño-, que verán a normativa aplicable ás actividades agrícolas, ademais de conceptos básicos sobre praguicidas, rotacións de cultivos, sistemas de rego ou sobre agricultura ecolóxica.

30 de setembro de 2013 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.