San Sadurniño acolle o I Torneo de fútbol sala Feminino o domingo 29 de setembro
O Concello e o clube Fervenza FSF organizan durante toda a xornada do domingo o I Torneo Concello de San Sadurniño de fútbol sala feminino coa participación de catro equipos chegados de Vimianzo, Cee, Lugo e Ferrolterra. Trátase dunha iniciativa na que colaboran os departamentos de Deportes e Igualdade e que responde ás recomendacións formuladas no Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes deseñado polo Concello.
A competición comezará ás 11 da mañá no pavillón municipal co encontro entre o Comarcal A Fervenza “B” -que actúa como anfitrión- e o Vila de Cee. Unha hora despois enfrontaranse o Adarve de Lugo e o Fisober “B” de Vimianzo. Ás 16 h. retomarase o trofeo cos partirdos Fisober-Comarcal A Fervenza e despois tocaralle ao enfrontamento entre o Vila de Cee e o Adarve de Lugo.
Este todas contra todas fará unha paréntese cara ás 17.30, hora á que está previsto o inicio dun partido de exhibición infantil feminino. Os dous últimos encontros xogaranse a partir das 18.15h. Primeiro o Comarcal A Fervenza co Adarve e, para rematar, o Fisober contra o Vila de Cee. A entrega de trofeos calcúlase para as oito do serán.
O I Torneo de Fútbol Sala Feminino Concello de San Sadurniño é froito da colaboración entre as concellarías de Igualdade e Deportes co equipo Comarcal A Fervenza, no que se xuntan xogadoras de toda a volta. Ademais de promocionar este deporte, o trofeo pretende avanzar na igualdade de xénero. O Concello de San Sadurniño ten deseñado un plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes que tingue toda a actividade institucional.











