San Sadurniño abre o prazo de matrícula nas escolas de Cultura e Deporte
Faltan xa poucos días para que bote a andar o curso 2013-14 das escolas culturais e deportivas que organiza o Concello. Este luns 15 de setembro abre oficialmente o prazo de matrícula nas nas seis opcións dispoñibles, ás que se unen outras dúas que non dependen directamente do Concello pero que se imparten en dependencias municipais.
De cara a esta edición das escolas ofértanse seis posibilidades con distintos niveis nalgunhas delas. Así no tocante a cultura haberá escola de música cun grupo de iniciación e outro de perfeccionamento, igual que no caso da música tradicional -pandeireta e gaita- onde se farán grupos dependendo dos coñecementos previos do alumnado.
Para deportes repiten as clases de ximnasia de mantemento, as de rehabilitación para persoas maiores e as escolas municipais de fútbol xestionadas polo CF San Sadurniño e as de volei impartidas por monitores do Aldebarán.
Todos os cursos irán arrancando na primeira semana de outubro sempre que se xunte xente suficiente para levalos a cabo. Por iso xa está aberto o periodo de matrícula, que deberá formalizarse na casa da Cultura en horario de mañá. Os prezos das actividades son os seguintes:
Escolas Culturais e Deportivas Municipais, para maiores de 18 e menores de 65 anos, por cada trimestre ou fracción de duración: 15 euros de matrícula e 28,88 euros por cada trimestre.
Escolas Culturais e Deportivas Municipais, para menores de 18 e maiores de 65 anos, así como titulares de carné xove, estudantes, pensionistas e familias numerosas por cada trimestre ou fracción de duración: 15 euros de matrícula e 19,26 euros por cada trimestre.
De acordo coa ordenanza que regula as taxas pola prestación de servizos culturais e deportivos, a partir do primeiro trimestre de 2014 estes prezos actualizaranse segundo o IPC.
Outra oferta
Á marxe das escolas municipais, en San Sadurniño tamén se desenvolverán ao longo do ano un curso de Pilates e outro de Ioga.
O Pilates é un método de fortalecemento do corpo completamente distinto dos deportes aeróbicos que habitualmente vemos nos ximnasios, pensados máis que nada para queimar graxa. Está máis orientado a exercitar os músculos, a gañar en flexibilidade e a adquirir unha conciencia do noso corpo como un todo relacionado. As clases de Pilates impartiranse na casa da Cultura os luns e mércores en dous grupos os dous días: un entre as 20 e as 21.00h. e outro de 21 a 22.00h., e será necesario xuntar polo menos 10 persoas por grupo.
A primeira sesión será o 2 de outubro e para apuntarse haberá que chamar ao 637.971.108. (Esther Méndez). A actividade ten un custe de 25 euros mensuais e está reservada a persoas maiores de 15 anos. Ao non ser unha escola municipal o pagamento non se fará no Concello, senón que será a propia monitora quen lle cobre a cada alumno ou alumna polos seus servizos.
Ocorre o mesmo co curso de Ioga que ofrece Clara Mª Fernández e que durará desde outubro ata xuño. Os horarios e os días están pendentes de concretar mentres non haxa un grupo mínimo de 10 persoas inscritas para facer a actividade. O lugar de impartición -igual que en anteriores edicións- será a casa da Cultura e o prezo 25 euros por persoa. Só poderán inscribirse maiores de 16 anos e para facelo haberá que contactar coa monitora no 665.876.066.











