Ribadumia reforza o servizo de Orientación Laboral coa incorporación dun técnico de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia reforzará en dúas semanas o Servizo Municipal de Orientación Laboral, dirixido a atención e a información municipal ás persoas demandantes de emprego. O Concello de Ribadumia recibe unha subvención da Consellería de Traballo e Benestar, que contempla a contratación dunha persoa a xornada completa. Encargarase, dende o 15 de outubro, de axudar ás persoas que se acheguen ata as oficinas municipais a na súa procura activa de emprego a través de formación permanente, do coñecemento das propias habilidades e aptitudes e da reorientación da carreira profesional para aqueles traballadores procedentes de sectores en crise. O servizo estará dispoñible na Casa da Cultura de Ribadumia en horario de mañá.

A pesar de que o orientador laboral se incorpora en outubro, o Concello de Ribadumia non suspendeu en ningún momento as tarefas de información e seguimento ás persoas demandantes de emprego. O servizo de Emprego e Desenvolvemento Local do concello asumiu temporalmente as tarefas do servizo de orientación laboral, co obxectivo de garantir que ningún dos usuarios quedase descuberto. Así, durante este tempo continuouse co asesoramento, coa elaboración de currículos, co seguimento na busca de emprego activo… A incorporación do orientador laboral permitirá reforzar o servizo, amplialo e mellorar a calidade na atención individualizada.

Entre as accións do orientador laboral inclúense a elaboración de diagnoses individualizados sobre o perfil, as necesidades e as expectativas das persoas demandantes de emprego mediante entrevistas personalizadas; o deseño, a elaboración e a realización de itinerarios individuais e personalizados; información e orientación; e asesoramento. Desde o Concello de Ribadumia, a alcaldesa Salomé Peña destaca que “un dos nosos obxectivos prioritarios é continuar ofrecendo aos cidadáns todos os mecanismos para facilitar unha busca de emprego ordenada e eficaz nesta época de crise económica”.

Outra das labores deste servizo é a remisión diaria vía e-mail das ofertas de emprego que chegan desde o INEM de Vilagarcía de Arousa e de Cambados; ofertas que se publican noutros servizos de orientación laboral da provincia; en páxinas web; xornais; ofertas de emprego público; pero tamén cursos de formación. Este de información vía correo electrónico diríxese a preto de 600 persoas de toda a comarca que demandantes de información.  O obxectivo é garantir a inmediata recepción das ofertas laborais e de formación, xa que o factor tempo xoga un factor importante á hora de inscribirse nunha oferta de traballo.

26 de setembro de 2013 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.