Ribadumia organiza unha excursión para coñecer a cidade de A Coruña
A Concellería de Cultura que dirixe Susana Fandiño organiza unha nova Viaxe Cultural por Galicia. Nesta ocasión visitarase a cidade de A Coruña. A viaxe será o próximo sábado 21 de setembro e o prazo de inscrición está aberto nas oficinas municipais ata o 18 de setembro. A viaxe cultural está dirixida a toda a poboación de Ribadumia en xeral, e permitirá descubrir a cidade, a través dunha visita turística polo centro e o casco histórico.
Desde a Concellería de Cultura, Susana Fandiño destaca que “estas viaxes culturais son moi interesantes porque pouco a pouco vamos coñecendo diferentes lugares interesantes e atractivos da comunidade, as súas riquezas naturais e patrimoniais, ó mesmo tempo que disfrutamos de xornadas de lecer entre tódolos veciños de Ribadumia”. Estas viaxes culturais son organizadas pola concellería anualmente, sempre con importante participación. A través do programa Viaxes Culturais, os veciños de Ribadumia visitaron nunha ocasión o Museo de Pontevedra e o Castelo de Soutomaior; posteriormente coñeceron a finca de Mouriscade e Lalín, as riquezas monumentais de Tui, o parque de Salvaterra do Miño, Ourense e outros recunchós da nosa xeografía.











