Rey Varela asina diversos convenios de colaboración coas entidades veciñais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+
Reunión cos representantes veciñais

Reunión cos representantes veciñais

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá os convenios de colaboración coas asociacións de veciños do termo municipal para a concesión de subvencións por concorrencia competitiva correspondentes ao presente exercicio de 2013. No acto, que tivo lugar no patio interior do Centro Cultural Torrente Ballester, tamén estiveron presentes a concelleira de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, e os representantes das diferentes entidades veciñais.

O primeiro edil explicou que os acordos engloban achegas para o gasto do subministro de enerxía eléctrica dos locais sociais e para promover actividades e programas que fomenten as relacións veciñais e melloren a calidade de vida dos ferroláns. Así, Rey Varela engadiu que este ano se inclúe unha actuación moi demandada polos propios responsables veciñais que consiste na posibilidade de destinar até o 30 % da achega en pequenos arranxos e mantementos en ditos inmobles. “Espero que esta novidade contribúa a que os locais sexan un lugar de encontro e participación veciñal” salientou o alcalde.

Os convenios asinados esta mañá servirán para o financiamento de actividades culturais, deportivas, de convivencia, lúdicas, de ocio e obradoiros, como por exemplo:  ximnasia, ioga, música, danza, xogos tradicionais, conferencias… O importe global do acordo é de 78.000 euros. Desta cantidade, algo máis de 8.400 euros son para gastos de subministración de enerxía eléctrica en nove entidades veciñais que até a chegada do actual Goberno Municipal tiñan que abonar este consumo, o que supoñía unha discriminación co resto de asociacións que abona a tarifa o Concello. Destas nove asociacións de veciños a que menor contía recibe é Recimil (352,47 euros) e a que máis son San Román de Doniños e a Xunta Veciñal de Doniños (1.838,13 euros). En canto as subvencións para actividades estas oscilan entre os 925,71 euros que reciben agrupacións veciñais como a de Mandiá, Montes Veciñais do Cha e Prioriño Confurco-Doniños, e os 5.554,26 euros que percibe a Asociación de Veciños do Ensanche A.

13 de setembro de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.