Respaldo autonómico ao mantemento do servizo de orientación laboral en Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

Ortegal seguirá contando con servizo de orientación laboral. A Xunta de Galicia concedeu 20.000 euros para colaborar no financiamento do servizo, con sede no Concello de Ortigueira e destinado a asesorar os desempregados dos catro municipios da bisbarra no desenvolvemento das competencias clave para realizar unha busca de emprego máis eficaz.

A Consellería de Traballo resolveu favorablemente a petición de subvención presentada conxuntamente polas localidades de Cariño, Cerdido, Cariño e Mañón para seguir dispoñendo na zona dun punto de orientación e intermediación laboral. A alianza intermunicipal, resultado do compromiso dos respectivos gobernos locais por dotar os seus veciños de ferramentas destinadas a facilitar, no posible, a súa inserción laboral, fraguouse ante a obrigatoriedade de superar a barreira de desempregados para poder acceder ás axudas autonómicas para financiar o servizo.

A subvención concedida vén a cubrir os gastos derivados da prestación deste servizo, destinado a axudar aos desempregados no desenvolvemento do seu perfil ocupacional ou na reciclaxe profesional, impulsando ademais a súa formación e a adquisición de habilidades no proceso de busca de emprego, dende o 1 de febreiro do 2013 ata o 1 de febreiro do 2014.

O mantemento do programa de orientación laboral en Ortigueira, que constitúe unha aposta do goberno de Rafael Girón no actual contexto de crise, permitirá aos veciños de todo o Ortegal gozar do servizo sen saír da bisbarra e sen necesidade de desprazarse á Oficina de Emprego Das pontes, á que están adscritos.

24 de setembro de 2013 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.