Representantes municipais e autonómicos visitan a zona de Ortoño para averiguar as causas do incendio da pasada semana
O alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañou esta mañá ao vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; á conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e ao delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, na súa visita ao lugar de Sisalde, en Ortoño, onde a pasada semana se rexistrou un incendio forestal. O obxectivo desta visita, á que tamén asistiron a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín; o concelleiro de Urbanismo, Alfredo Taboada, e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, foi coñecer de preto a labor dos efectivos que investigan os lumes forestais.
Na zona na que comezou o incendio forestal na noite do pasado mércores, representantes da Garda Civil e da Policía Autonómica explicaron como se está levando a cabo a investigación deste lume para poder determinar a súa orixe e a súa propagación. No lugar no que se orixinou o incendio, tanto os representantes políticos como os representantes das forzas e corpos de seguridade fixeron un chamamento á concienciación social para acadar a detención dos que prenden lume ao monte, xa que a maioría dos incendios son provocados.
Durante a visita, o alcalde de Ames puido trasladarlle aos conselleiros e ao delegado do Goberno que na noite do incendio o Concello despregou o Plan de Prevención co que conta anualmente. O rexedor tamén destacou que a pesar de que a oposición de Ames se posicionou en contra de que se puidera conveniar unha brigada coa Xunta de Galicia, que puidese ofrecer esa primeira atención aos incendios forestais, o Concello estivo desde o primeiro minuto no lugar do incendio, despregando todos os medios cos que conta, desde Policía Local, o persoal municipal, a cuba lanzadeira nodriza da empresa de limpeza viaria, con 10.000 litros de capacidade, ata o tractor lanzadeira, con capacidade de 5.000 litros de auga. Santiago Amor agradeceulle a colaboración na extinción dos incendios que afectaron a Ames e a súa visita tanto á zona de Sisalde como á da Ameixenda á conselleira do Medio Rural e á secretaría xeral de Medio Rural, algo que estendeu aos concellos de Brión e Santiago.
O incendio forestal de Agro do Muíño, en Ortoño, iniciouse ás 22:36 horas do pasado mércores e quedou controlado ás 05:43 horas da madrugada, segundo a información da Consellería do Medio Rural. En total, a superficie afectada foi de 22,4 hectáreas. Na extinción participaron 7 axentes, 12 brigadas, 5 motobombas e unha pala. Durante esa mesma noite, Ames rexistrou tres incendios forestais en diferentes puntos do concello que quedaron controlados ás primeiras horas da mañá grazas ao importante despregue de medios de extinción.











