Rematáronse as tarefas de conservación fluvial nun tramo do río Sarela ao seu paso por Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSantiago de CompostelaTeo
A-
A+

Medio Ambiente elimina dous vertidos de augas residuais no Concello de Teo, procedentes de fosas sépticas nos lugares de Vilanova, Recesende, Cachóns e Lucí.
Augas de Galicia investiu preto de 10.500 euros no desbroce e limpeza da vexetación existente no leito do Sarela, así como a retirada de varias árbores.

>>>>>>>>>>

Veñen de rematarse as tarefas de conservación fluvial no río Sarela ao seu paso polo Concello de Santiago de Compostela. Esta actuación levouse a cabo concretamente no lugar Casal da Horta na parroquia de Lermo e inclúese dentro das tarefas de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Centro.

O departamento que dirixe Agustín Hernández investiu case 10.500 euros nos traballos de retirada de árbores caídas ao leito, así como outros restos vexetais. En total limpáronse máis de 1.100 metros deste río. Nas imaxes anteriores vemos o antes e o despois dos traballos.

Eliminación de vertidos

Por outra banda, o departamento que dirixe Agustín Hernández, a través dos técnicos do Plan de Control de Vertidos (PCV) de Augas de Galicia, eliminou dous puntos de vertido de augas residuais e de titularidade municipal no Concello de Teo. Trátase de dúas verteduras procedentes das fosas sépticas sitas nos lugares de Vilanova, Recesende, Cachóns e Lucí.

Cabe sinalar que os sistemas de depuración foron anulados polo propio Concello de Teo, a través da empresa concesionaria do servizo de saneamento municipal, logo das inspección realizadas por Augas de Galicia mediante as que requiría a adecuación das fosas á normativa de aplicación en materia de vertidos de augas residuais ao dominio público.

Logo da comunicación remitida polo Concello de Teo a Augas de Galicia, os técnicos do devandito organismo, verificaron a ausencia de vertidos procedentes dos citados sistemas de depuración.

Asemade, comprobouse que as augas residuais que, ante se conducían cara as fosas sépticas, son enviadas na actualidade á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Pontevea para o seu tratamento antes de pasar a auga ao río Ulla.

14 de setembro de 2013 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.