Rematan os traballos de reparación da senda peonil da Burga en Pontevea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+
Vista dos traballos de arranxo

Vista dos traballos de arranxo

O Concello de Teo informa de que veñen de rematarse os traballos de arranxo da senda peonil que vai cara a Burga de Xermeade, preto do núcleo de Pontevea. Esta obra, contratada pola administración local, tivo un custe de 37.904 euros. O pasado 12 de abril un tramo de máis de 20 metros deste camiño derrubouse por causa das fortes choivas deixando inutilizado este acceso para peóns.

Dende o Concello acordouse solicitar unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia e Administracións Públicas. Segundo explica Rafael Sisto “esta decisión de pedir esta subvención para este tema tómase ante o silencio inicial e a negativa posterior de Augas de Galicia a implicarse na solución deste problema”. A senda está na beira do río Ulla e dende o Concello remitíronse varios escritos á Consellería de Medio Ambiente solicitando que se estudasen vías de colaboración para executara estes traballos.

“Ante esta actitude por parte da Consellería de Medio Ambiente decidimos solicitar unha subvención que en anos anteriores se tiña pedido para dotar o Servizo Municipal de Emerxencias, con moi bos resultados xa que o ano pasado se puido mercar un vehículo de intervención rápida que nesta campaña de incendios axudou a que esta problemática no Concello se puidese ter controlada” explica o edil de Seguridade.

A axuda solicitada á Xunta foi concedida e cubre un 70 por cento do custe da obra, mentras que a administración local asume o 30 por cento restante con fondos propios.

Os servizos técnicos municipais estableceron que a solución técnica máis eficaz e asumible económicamente pasaba por repoñer o camiño, como se realizou nas últimas semanas. Os traballos centráronse nunha escavación inicial para a continuación facer un recheo con bloques de pedra granítica. Enriba dese recheo volveuse a asfaltar. No orzamento da obra tamén se contemplaba a reposición dunha baranda e dunha luminaria.

A paraxe da Burga, no lugar de Xermeade, conta cun manantial de augas sulfurosas que foi empregada polos veciños dende tempos inmemoriais. Dende o ano 2001, que se realizou a concentración parcelaria na parroquia de Reis, a finca da Burga pasou a ser de titularidade municipal. Nos últimos anos fixéronse varias actuacións no entorno e nos accesos a esta zona na beira do río Ulla.

28 de setembro de 2013 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.