Recuperado en Ferrol un cachorro de mastín que fora depositado nun colector de lixo
O refuxio de animais de Mougá, informou hoxe da recollida urxente dun cachorro que se atopaba no interior dun colector de lixo no lugar de Mandiá. Este servizo de lacería, recollida, aloxamento e control de animais funciona de maneira conxunta grazas á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que preside o rexedor ferrolán José Manuel Rey Varela.
Un cachorro de mastín, duns tres meses de idade, foi recollido o pasado 8 de agosto no fondo do colector de lixo na parroquia de Mandiá. O animal, que se atopaba deshidratado, presentaba unha fractura aberta de tibia e peroné na extremidade posterior dereita, así como unha ferida punzante de 5 milímetros de profundidade a nivel da sutura interparietal do cranio. Despois da súa recollida, o refuxio de animais de Mougá aplicou o tratamento necesario para a súa rehidratación e nutrición, ademais de curar e vendar as feridas abertas. Unha vez estabilizado, o animal foi intervido cirúrxicamente para resolver a fractura de tibia. Os traballadores do servizo de lacería de Mougá bautizaron ao can co nome de Doro.
Actualmente, Doro atópase en proceso de recuperación desta lesión, pero en breve poderá ser adoptado por un novo propietario, disposto a dar todos os coidados e afecto que precisa para a súa recuperación total. As persoas interesadas en adoptar ao cachorro de mastín ou a calquera dos animais do refuxio de Mougá deben chamar ao teléfono: 619 043 347. Tamén a través do enderezo electrónico refuxio.ferrol@tragsa.es ou ben visitar o propio Refuxio de Mougá no seguinte horario de atención ao público: de luns a venres de 10:30 a 18:30 e os sábados de 10:00 a 14:30. Asemade, para denunciar o abandono de animais poderán contactar co número de teléfono: 092.











