Rafael Girón presentará a ofrenda á Virxe dos Remedios en Mondoñedo
Ortigueira participará neste 2013 de forma activa na celebración en Mondoñedo das festas Da nosa Señora dos Remedios. O alcalde ortegano, Rafael Girón, terá a honra este ano de presentar a ofrenda á Virxe. E ademais, agrupacións musicais locais participarán nos actos relixiosos. Por iso, e para facilitar a presenza de veciños do municipio, o Concello fretará un autobús para asistir. Dado que as prazas son limitadas, ábrese un prazo para anotarse na casa do concello.
O domingo 15 de setembro volverase repetir unha das escenas tradicionais das festas en honor á patroa da diocese Mondoñedo- Ferrol. Trátase da ofrenda, instituída alá por 1938, a cargo do rexedor dun dos seis concellos cabeceira dos antigos partidos xudiciais da diocese (Viveiro, Ribadeo, Vilalba, Ortigueira, Ferrol e, por suposto, Mondoñedo). A honra recae este ano no ortegano Rafael Girón.
Xunto ao alcalde e ao resto da corporación ortegana, participarán nos actos a Coral Polifónica de Ortigueira, que se encargará de cantar a misa, e a Banda de Música de Ortigueira, que acompañará a tradicional procesión en honor á Virxe dos Remedios e que, posteriormente, ofrecerá un pequeno concerto.
Dende a casa do concello anímase os veciños a sumarse á celebración. Por iso infórmase de que haberá un bus gratuíto para trasladar os orteganos que desexen vivir as celebracións. Dado que as prazas son limitadas (50), os veciños que queiran viaxar a Mondoñedo no día grande das súas festas terán que anotarse na Casa Consistorial (na secretaría de Alcaldía) antes do 12 de setembro. As prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición e o bus sairá da dársena do CEIP José Mª Lage o domingo 15 a partir das 9:30 horas.











