Presentouse o libro “El método hipopresivo” de Piti Pinsach e Tamara Rial
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu á presentación do libro “El método hipopresivo” e deu a benvida á nova liña de investigación que recolle esta obra, porque na súa opinión, supón “unha achega científico-práctica innovadora que marca un antes e un despois na prescrición e na práctica do exercicio físico”.
Lete Lasa felicitou aos autores do libro e explicou que o método hipopresivo, creado inicialmente para mulleres, demostrou ser eficaz en ambos sexos, “tanto na prevención de determinadas patoloxías, como na achegas das melloras físicas e deportivas”.
Ademais, o secretario xeral para o Deporte definiu a actividade física como “ferramenta clave para a saúde e a calidade de vida”. Neste sentido, nomeou o programa Galicia Saudable, unha iniciativa que a Secretaría Xeral para o Deporte leva a cabo desde hai varios anos e cuxo labor é, segundo manifestou Lete Lasa, “consolidar en Galicia un novo paradigma do deporte e da actividade física”.
Así mesmo, Lete Lasa puxo en valor o deporte ao afirmar que “é moito máis que medallas e competición; é emprego e sector produtivo ao que atender nas nosas economías”. Con todo, tamén destacou a actividade física como “peza clave para a saúde”.
Para Lete Lasa, practicar actividade física e facelo “optimamente, e sendo prescrita por profesionais” é o camiño polo que a Secretaría Xeral para o Deporte quere e debe avanzar.











