Portosín prepárase para a chegada dos barcos participantes no Platu 25 World Championship
O Real Club Náutico Portosín xa se encontra “en capela” coa inminente celebración do Platu 25 World Championship, o mundial da clase Platu 25 que se disputa do 22 ao 28 de setembro.
Coa loxística do evento deportivo establecida, esta considera un amplo perímetro arredor do Real Club Náutico, onde se situará o aparcadoiro dos voluminosos remolques que transportan aos veleiros da especialidade, así como a grúa que baixará os barcos dende terra ao mar.
Peiraos de amarre para os veleiros, pneumáticas dos equipos de apoio, embarcacións do Comité da Regata e prensa, suman un importante espazo de lámina de auga no porto deportivo, contando coas propias infraestruturas interiores do Club onde se situará a oficina de regatas, a sala de protestas, medición e centro de medios.
A vida social do campionato do mundo, máis coñecida como Race Village, instalarase nas inmediacións do Real Club Náutico Portosín, aproveitando as súas explanadas con carpas, mesas e cadeiras onde se servirán os almorzos e ceas aos regatistas e Oficiais da regata.
As probas do Campionato do Mundo de Platu 25 comezarán o día 24 de setembro, dedicándose as tripulacións os días previos ao rexistro e control de medición de velas e aparellos, establecendo o Comité o día 23 para realizar a regata de adestramento oficial.











