Pontevedra inaugura o pavillón deportivo Príncipe Felipe tras a reforma das instalacións
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destacou esta mañá o gran servizo que as instalacións deportivas de Príncipe Felipe lles ofrecen ós veciños e veciñas de Pontevedra, e asegurou que na práctica “están a cubrir as necesidades de infraestruturas deportivas no municipio de Pontevedra, que segue a ter un déficit moi importante neste campo”.
Louzán fixo estas declaracións na visita que realizou ó remodelado pavillón polideportivo de Príncipe Felipe, no que a Administración provincial realizou un investimento próximo ós 300.000 euros para a súa remodelación integral. Nesta visita o presidente da Deputación estivo acompañado polas deputadas Marta Iglesias e Ana Isabel Vázquez, así como polo director do centro, José Manuel Fernández.
Os traballos incluíron a renovación completa da cuberta; o cambio dos paramentos laterais,que se dotaron de dobre cámara para conseguir un mellor illamento térmico; a adecuación dos baños, dos vestiarios e da entrada principal para as persoas con mobilidade reducida, a construción dun aseo para as persoas con discapacidade; así como o pulido e vernizado de toda a pista.
A estes traballos, que realizou a empresa Construcciones Ramírez e que contaron cun orzamento de máis de 261.000 euros, hai que engadir o pintado interior e exterior das instalacións, que se fixo con medios propios.
Uso intensivo
O presidente da Deputación incidiu en que esta reforma era unha obra necesaria pois, con 30 anos de antigüidade, o centro presentaba certas deficiencias, que incluían problemas de humidade e de desgaste da pista propios dun centro polo que pasan “miles de persoas de Pontevedra, pero tamén da comarca, porque son moitos os clubs que xogan aquí”.
A maiores do uso interno polo propio Centro Príncipe Felipe, son máis de 2.500 persoas as que usan cada semana o pavillón tanto para adestrarse como para xogar partidos oficiais ou para practicar diferentes actividades deportivas.











