Ponte Caldelas realiza un proceso de posta a punto dos centros escolares antes do comezo do curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
Tarefas de desbroce

Tarefas de desbroce

O Concello de Ponte Caldelas está a ultimar os traballos de limpeza e acondicionamento dos centros escolares co fin de telos perfectamente listos para o inicio do novo curso académico que se producirá a próxima semana.

Dentro dos traballos realizados estase a proceder, por parte dos alumnos da Fundación Xoán XXIII á limpeza, roza e acondicionamento das zonas verdes e axardinadas do colexio da Reigosa, dentro dun convenio de colaboración social asinado entre esta institución e o Concello de Ponte Caldelas.

Así, este convenio de inserción social contempla que un grupo de mozos pertencentes a esta Fundación leven a cabo labores de mantemento periódico neste recinto escolar que supuxo unha experiencia moi gratificante para a comunidade escolar e para o propio Concello que ve de xeito satisfactorio o traballo realizado polos alumnos-traballadores do Xoán XXIII.

Así mesmo, este verán o Concello de Ponte Caldelas en colaboración coa Consellería de Educación levou a cabo labores de reparación nos diversos centros educativos, así como a ampliación de varias aulas do CEIP Cordo Boullosa ao suprimirse varios antigos e obsoletos armarios de obra existentes nestas.

Ademais, froito desta colaboración institucional, acondicionouse a fachada do CEIP A Reigosa, por petición da comunidade escolar, xa que o paso do tempo e o azoute do vento e as condicións metereológicas facían necesaria unha intervención.

O Concello de Ponte Caldelas destina unha parte importante do seu presuposto ao mantemento das infraestruturas educativas co fin de que os alumnos e profesores poidan desenvolver a súa actividade docente nas mellores condicións posibles.

6 de setembro de 2013 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.