Ponte Caldelas inaugura o parque biosaludable de Silvoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+

O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, inaugurou en compañía dos veciños o parque biosaludable instalado no lugar de Silvoso composto por varios aparatos para a práctica de ximnasia de mantemento.

O lugar elixido é unha zona de Silvoso de Arriba onde tamén existe un parque infantil.

Estes aparatos están especialmente deseñados para favorecer a práctica de deporte entre as persoas maiores adaptando cada movemento ás necesidades psicomotrices dos usuarios.

O Alcalde desexou os veciños presentes que fixeran un bo uso das novas instalacións co fin non só de que melloren a súa calidade de vida senón coa intención de que un investimento público destas características poida ser aproveitado polo público ao que vai destinada. O motivo de instalalo nunha zona onde tamén existe un parque infantil é co obxectivo de que nestas zonas de ocio no rural exista interrelación entre as distintas xeracións que vivan na zona: avós, pais e nenos.

O Concello de Ponte Caldelas está a levar a cabo, en colaboración co Plan de Investimentos da Deputación de Pontevedra, a instalación destes parques biosaludables en varias das parroquias e lugares do municipio co fin de facilitar o acceso a este tipo de aparatos polo maior número posible de persoas. O obxectivo é que pouco a pouco todas as parroquias do municipio conten cunha instalación deste tipo.

Estes parques biosaludables son cada vez máis demandados pola poboación toda vez que axudan ao mantemento físico das persoas maiores ao tempo que completan a oferta lúdico-recreativa e de entretemento existente nos diferentes lugares do municipio dentro da política de descentralización de servizos e oportunidades de ocio que está a realizar o Concello de Ponte Caldelas e que levou a este municipio, entre outras cuestións, a contar con parques infantís en practicamente todos os núcleos de poboación.

4 de setembro de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.