Ponte Caldelas baralla o mércores de Cinza e o das Dores como festivos locais
O Concello de Ponte Caldelas baralla o mércores 5 de marzo (Mércores de Cinza) e o 3 de setembro (Mércores da Festa das Dores) como festivos locais para o próximo ano 2014, seguindo a tradicional traxectoria que se viña seguindo neste municipio dende hai moitos anos.
O feito de que o Mércores de Cinza coincida este ano co 5 de marzo, día de mercado en Ponte Caldelas, fai que os responsables municipais reflexionen sobre a idoneidade de marcar no calendario este día como festivo local ou trasladalo a outra data xa que, ao coincidir con día de feira os establecementos comerciais e hostaleiros abrirán as súas portas co que se minimiza, na práctica, o día de descanso local que se pretendía.
O Alcalde Perfecto Rodríguez someterá esta consideración aos voceiros dos grupos municipais coa intención de que, entre todos, se encontre a mellor solución para o interese común. O acordo deberá someterse a referendo do próximo Pleno da Corporación Municipal co fin de trasladar a decisión á Consellería de Traballo de la Xunta de Galicia para a súa constancia e publicación nos boletíns oficiais correspondentes.
En canto ao Mércores da Festa das Dores, o 3 de setembro, parece que na sociedade Pontecaldelana hai unanimidade total no sentido de mantelo como festivo local, pero en canto ao 5 de marzo, Mércores de Cinza, as opinións difiren non só entre os cidadáns senón tamén entre o propio sector comercial que por unha parte ve como que un festivo en coincidencia con día de mercado fai que a xente empregue o seu tempo libre en facer as súas compras como aqueles que consideran que se perde un día de merecido descanso ao ter que traballar tanto ou máis que un día normal ao coincidir o día festivo coa feira.
Así as cousas, o próximo Pleno da Corporación Municipal terá a última palabra en manter os tradicionais días festivos en Ponte Caldelas os mércores de cinza e das Dores.











