Ponte Caldelas aproba por unanimidade o plan especial de dotacións da zona de Valdarrosa
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Ponte Caldelas acordou por unanimidade a aprobación provisional do Plan Especial de Dotacións dos terreos do ámbito do Instituto, cunha extensión de 3.147,43 metros cadrados, para posibilitar no futuro a construción dun Auditorio.
Este documento xa fora aprobado inicialmente nun Pleno celebrado en marzo. Con posterioridade foi sometido a información pública sen que houbese alegacións de afectados, e solicitáronse os informes sectoriais preceptivos de distintos organismos: Augas de Galicia, Consellería de Medio Rural, Consellería de Economía e Industrial, Dirección Xeral de Aviación Civil, compañía subministradora de enerxía eléctrica e telefonía, etc.
Con todos estes informes completouse o documento que agora, unha vez aprobado provisionalmente polo Pleno se remitirá á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia para o seu informe vinculante. Con ese informe o Concello podería xa aprobalo definitivamente e comezar a negociación para a expropiación dos terreos que se realizaría de mutuo acordo.
Con este plan, o Alcalde Perfecto Rodríguez quere aproveitar estes momentos de austeridade e dificultade económica, nos que é moi difícil conseguir financiamento para poñer en marcha proxectos investidores desta envergadura, para avanzar na planificación e emenda de trámites burocráticos co fin de que, no instante en que se poidan afrontar de novo estes proxectos, se teñan cumplimentar todos os requisitos e permisos preceptivos para a súa execución que adoitan ser moi longos e tediosos.
Así, o Plan Especial de Dotacións ten como finalidade autorizar urbanisticamente a instalación dun equipamento cultural nos terreos do ámbito do Instituto de Ponte Caldelas, sen necesidade de esperar á elaboración dun novo PXOM, co obxectivo de que no futuro poida construírse alí un Auditorio. Eses terreos que se sitúan entre o Instituto e o resto da zona urbana da vila, teñen actualmente cualificación urbanística de chan rústico, a pesar de estar situados practicamente na zona urbana, máis preto que o propio Instituto e con todos os servizos urbanísticos de auga, saneamento, enerxía eléctrica, etc. e dispón dunha ampla zona para facilitar o estacionamento de vehículos para as persoas que se achegaran ata o futuro Auditorio para presenciar ningún dos espectáculos que puidese acoller.
ESTAR PREPARADO PARA O FUTURO
O obxectivo do Alcalde é que “Ponte Caldelas estea preparada, cos deberes feitos para que no momento no que as condicións económicas o permitan poida ter todos os trámites burocráticos, que nalgúns casos superan os dous ou tres anos, adiantados para acoller un investimento tan importante para o noso municipio como a construción dun futuro Auditorio Municipal que permita ao Concello contar cun equipamento do que actualmente carece, e que complementaría a actividade cultural do municipio, permitindo a celebración de eventos culturais como teatro, concertos, etc; así como lugar de ensaio para os distintos grupos musicais do municipio. Na actualidade ningún local do Concello reúne condicións para albergar actividades así. Preténdese que neste se poidan organizar tamén cursos e actividades que na actualidade en moitas ocasións non se poden celebrar porque o Centro Cultural da Alameda non dispón de salas adaptadas nin dun salón de actos apropiado”, manifestou Perfecto Rodríguez.
NEGOCIAR A ADQUISICIÓN DOS TERREOS COA COMUNIDADE DE MONTES DE CUÑAS
A intención do rexedor municipal unha vez aprobado o Plan definitivamente é negociar coa Comunidade de Montes de Cuñas a adquisición dos 3.147,43 metros cadrados a un prezo razoable co fin de que o Concello dispoña dos oportunos terreos no caso de que nun futuro próximo se puidese afrontar este grande investimento en infraestruturas culturais que tanto demanda a cidadanía e da que carece este municipio.
Perfecto Rodríguez liga o futuro do Auditorio Municipal a unha mellora xeneralizada da economía española e galega e sobre todo ao despegue do parque empresarial da Reigosa e ao aumento dos recursos do propio Concello para pensar en afrontar un investimento destas características despois do 2015. “Cando non hai diñeiro para investimentos hai que aproveitar o momento para planificar posibles actuacións nun curto e medio prazo porque a xestión dun Concello tamén depende de que se faga unha boa planificación para garantir o seu futuro”, sinalou o alcalde de Ponte Caldelas.
FESTIVOS LOCAIS O MIERCOLES DE CINZA E O DAS DORES
Por outra parte, a Corporación Municipal decidiu, por maioría dos votos do PP e BNG, manter os festivos locais nos mércores de Cinza e das Dores tal e como se vén facendo tradicionalmente no municipio, a pesar de coincidir o 5 de marzo coa celebración de mercado en Ponte Caldelas. Valorouse a posibilidade de cambiar esta data, pero ante as dúbidas no colectivo de comerciantes da vila, a falta dunha alternativa clara e a vontade de manter coincidir co resto da bisbarra nos días de descanso, decidiuse mantelos como estaban.











