Poio acollerá ata outubro a exposición “MARaVIÑAS” de Manuel Quintana Martelo
Mañá venres 6 de setembro, ás 20:30 h. a Concellaría de Cultura do Concello de Poio inaugura, no Casal de Ferreirós, a exposición do consagrado artista compostelán Manuel Quintana Martelo, que acaba de ser exposta no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. A mostra, titulada MARaVIÑAS, céntrase na figura dun mariñeiro de Poio, Manuel Viñas, daí o xogo de palabras do título.
A exposición poderá visitarse até o 18 de outubro en horario de 10 a 14:30 e de 17 a 20 h. de luns a venres.
Na inauguración contaremos co artista, Quintana Martelo, e con Manuel Viñas, quen inspirou esta obra.
Xunto os textos do MPG e do Concello que se incluíron no catálogo:
MUSEO DO POBO GALEGO:
A exposición que Manuel Quintana Martelo presenta no Museo do Pobo Galego engloba un concienciudo estudo realizado en torno á figura dun pescador do Concello de Poio. A serie, formada por incipientes bosquexos e acabados debuxos así como por escaiolas e bronces de distinto formato, permite internarse na obra deste consagrado autor compostelán, unha obra determinada pola súa singularidade figurativa e unha marcada cadencia de formas e ritmos.
Máis alá de razóns artísticas ou de aplicacións de materiais, nesta mostra a investigación do autor intérnase, a través de estudos anatómicos, expresións, pegadas, actitudes… do retratado, nun territorio que aborda o espectro físico e psicolóxico deste experimentado traballador do mar. Un ámbito, o antropolóxico, por outra parte, considerado como prioritario nesta institución museística. Detrás de cada trazo debuxístico, dos baleirados e moldeados de todas e cada unha das esculturas hai un traballo de campo documentado, no que media a fotografía, e un traballo de obradoiro. Ambos os dous rematan por unirse dentro deste rastrexo intelectual en cómplices motivacións conceptuais e estéticas.
Durante uns meses o Museo do Pobo Galego séntese orgulloso de presentar a proposta máis recente de Quintana Martelo, un proxecto que, escapando de calquera reducionismo, a bo seguro achegará á liña expositiva do museo un sorprendente encontro entre o discurso renovador da creación contemporánea e a esencia de referencias culturais asociadas á etnografía do noso país.
CONCELLO DE POIO:
A obra que Manuel Quintana Martelo presenta nesta exposición céntrase na figura dun veciño de Poio, nomeadamente de Campelo, un lugar en diálogo permanente coa ribeira e co mar. Como todas as vilas costeiras do noso país, o mar é un elemento fundamental non só da paisaxe, senón tamén da vida diaria, da economía, da historia e da cultura dos seus habitantes.
A ollada de Quintana Martelo converte unha escena cotiá – o mariñeiro que volta á casa logo da xornada- nun traballo artístico que, alén do seu extraordinario valor estético, consegue reflectir a autenticidade e a humanidade do instante que se reproduce. Esta exposición, e a emblemática institución que a acolle, o Museo do Pobo Galego, pon en valor a figura do mariñeiro, elevándoo a obra de arte, pero ademais consegue transmitirnos, no seu conxunto, as vivencias de todos os homes e mulleres, pescadores, mariscadoras, redeiras … que viviron e viven estreitamente vinculados ao mar.
O Concello de Poio séntese moi honrado de ter a posibilidade de participar nesta exposición do Museo do Pobo Galego, e agradecidos ao artista Quintana Martelo por ter deitado a súa ollada sobre Campelo e a súa xente, o que para nos constitúe un valioso e inesquecible agasallo.











