Piñor continúa co servizo de atención psicolóxica no departamento de servizos sociais
En decembro de 2010 comezábase con este proxecto totalmente innovador denomidado SAP ou “Servizo de Atención Psicoeducativa”, ofrecendo intervención psicolóxica infantil. Dende o ano 2012 e debido á situación de crise actual e ó auxe de diversas problemáticas persoais e familiares, dende o Concello de Piñor considerouse preciso abrir este SAP á poboación xeral, tratando así non soamente as dificultades dos cativos senón tamén a adultos e persoas maiores. Por medio da psicóloga municipal, dentro do Programa de Educación Familiar, no concello lévase ofrecendo apoio psicosocial e intervención familiar dende o ano 2006, atendendo a unha media de 15 familias por ano. Nos tempos nos que estamos, de recortes sociais moi importantes e de aumento do número de familias con problemas laborais, económicos, etc, cobra cada vez máis importancia a necesidade de prestar ós nosos veciños e veciñas toda a axuda e apoio posible. Casos de depresión, ansiedade, estrés laboral, divorcios, duelos…están a producir consecuencias negativas a nivel psicolóxico e moitas veces incluso físico, que non soamente repercuten no propio individuo senón que, de non tratalo a tempo acabará por prexudicar ó resto de membros da familia.
O Servizo de Atención Psicolóxica (SAP), funciona os martes e xoves de 9:00h a 11:00h, con cita previa, ofrecendo intervención psicolóxica xeral á poboación. A idea é axudar a persoas con dificultades puntuais ou trastornos psicolóxicos e que precisan dunha intervención terapéutica e dun apoio psicolóxico xeral, que dende o concello queremos brindar a tódolos veciños/as.
No que se refire ó colectivo infantil, a intervención destinarase a casos como:
– Trastornos de conduta
– Control de esfínteres
– Retrasos na linguaxe
– Déficit de atención e hiperactividade
– Autonomía e hábitos diarios
– Psicomotricidade ( problemas na escritura)
– Atención psicolóxica xeral (procesos de duelo, divorcios, alteracións no estado de ánimo…)
En canto ó resto de colectivos poboacionais, ofrécese un servizo xeral e completo de atención psicolóxica e apoio en situacións de dificultade como:
– Depresión e ansiedade.
– Control do estrés (laboral, económico, problemática familiar ou de parella…)
– Apoio psicolóxico (procesos de duelo, divorcio…)
– Autoestima, motivación, habilidade sociais..
– Terapia individual para deixar de fumar
Con elo, toda persoa que precise deste servizo pode comunicalo en Servizos Sociais, onde se lle facilitará toda a información pertinente.
Destacar que o SAP xorde das Concellarías de Benestar e de Sanidade do Concello de Piñor, coordinadas para traballar en prol da mellora da calidade de vida e saúde da poboación. Neste eido, destacar que esta corporación local ten un compromiso coa saúde pública:
– No ano 2012 asínase o convenio coa Xunta de Galicia para formar parte da rede Galicia Saudable.
– Dende o ano 2008 ó 2010 levouse a cabo o proxecto Concellos Saudables con outros municipios da comarca, traballando en prol da alimentación saudable e a promoción da actividade física.
– Dende o ano 2009 o concello conta cun programa terapéutico gratuito para deixar de fumar.
– O concello potencia a realización de actividade física mediante a oferta de iniciativas como: clases de ximnasia de mantemento, natación, bailes latinos…