Permanece aberta a inscrición na ruta do programa “Goza do Ulla”
O Concello de Teo, que participa no programa Goza do Ulla, prepara a súa ruta para este mes de setembro, concretamente o sábado 14. O prazo de inscrición continúa aberto e as persoas interesadas en participar poden achegar a ficha de inscrición ó departamento de Deportes municipal, de xeito presencial ou por correo electrónico a deportes@concellodeteo.com. A ficha pódese descargar da web municipal ou recoller nas oficinas xerais do Concello, na Ramallosa.
A ruta Goza do Ulla de Teo leva por nome “Dos penedos e chan do Piquiño ó Ulla” xa que o río é precisamente un dos elementos destacables nesta serie de rutas na que participan os Concellos do Val do Ulla. A andaina de Teo percorrerá ó redor de catorce quilómetros cunha duración aproximada de catro horas e dificultade baixa. O trazado céntrase nas parroquias do sur do Concello no linde natural da Comarca de Compostela e de Sar, un espazo cun gran atractivo paisaxístico e cultural.
A ruta terá como punto de encontro a área de lecer do Xirimbao, en Reis. Dende alí os participantes irán en autobús ata a igrexa románica de Santa María de Lampai, onde comezarán a camiñar. Subirase ós outeiros graníticos do monte Piquiño para reparar nas curiosas formas das laxes e contemplar as vistas do Val do Ulla. Baixando na parroquia de Lampai visitaranse vairas estacións de petróglifos e varias mámoas no vello camiño que atravesa a gran necrópole megalítica de Loureiro. Finalmente baixarán cara a parroquia de Raris para rematar na senda de pescadores do couto de pesca de Couso que leva á ponte colgante Mariola, un dos grandes atractivos do Xirimbao.
Dende a organización lembran que a ruta comezará sobre as 09:00 horas e que se recomenda roupa e calzado adecuado para andar.











