Pérez Zúñiga presenta a obra gañadora do premio Torrente Ballester en 2012 “La fuga del maestro Tartini”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presidiu esta mañá a presentación do libro “La fuga del maestro Tartini”, obra de Ernesto Pérez Zúñiga galardoada co premio Torrente Ballester do ano 2012 e que  foi editada por Alianza Literaria. 

O mandatario provincial e o autor estiveron acompañados durante a presentación pola vicepresidenta primeira e responsable da área de Cultura da Deputación, Mariel Padín; e a comisaria do premio, a crítica literaria Mercedes Monmany.

Na súa intervención, Calvo lembrou o “gran prestixio” con que conta o premio de narrativa Torrente Ballester, dotado con 25.000 euros máis a edición da obra, e anunciou que “estamos xa traballando na organización da que será a 25 edición do noso premio de referencia”.

Tivo tamén palabras para outras convocatorias, xa que, segundo explicou, “este ano conseguimos a marca máis alta de participación noutros premios, como o Manuel Murguía de ensaio ou o Andrés Gaos de composición musical”. 

Segundo Calvo, estas cifras demostran que “o esforzo que facemos cada ano por manter o investimento en premios culturais ten a súa recompensa, que recibimos en canto vemos o interese dos autores por optar a eles”.

De igual modo, Mercedes Monmany se pronunciou sobre a importancia deste galardón, ao que cualificou como “o máis prestixioso que se convoca hoxe en día para os autores en lingua hispana”, polo que felicitou á Deputación coruñesa “por seguir apostando pola difusión da cultura nuns tempos nos que a crise tamén é de edición literaria”. 

Pola súa banda, Ernesto Pérez Zúñiga, que confesou “arruinarse” seguindo a pista do músico Tartini para escribir a súa novela, mostrouse “tremendamente feliz” por recibir este premio, xa que, dixo, “permitirame incluír no meu palmarés o nome de Torrente Ballester, un autor de referencia do século XX”.

O premiado, nacido en Madrid e criado en Granada, tivo grandes eloxios para a literatura galega, e aludiu a que “Val Inclán é o meu pai literario”.

Ernesto Pérez Zúñiga

Ernesto Pérez Zúñiga (1971) naceu en Madrid, cidade onde vive actualmente. É licenciado en Filoloxía Española pola Universidade de Granada, cidade onde medrou e na que realizou os seus estudos desde a infancia.

Como narrador é autor do conxunto de relatos Las botas de siete leguas e otras maneras de morir (Suma de Letras, 2002) e das novelas Santo Diablo (Kailas, 2004. Puzzle, 2005), e El segundo círculo (Algaida, 2007), coa que conseguiu o XVI Premio Internacional de Novela Luís Berenguer. A súa última novela é El juego del mono (Alianza Editorial, 2011).

Entre os seus libros de poemas destacan Ella cena de día (Dauro, 2000), Calles para un pez luna (Visor, 2002), polo que recibiu o Premio de Arte Joven da Comunidade de Madrid, e Cuadernos del hábito oscuro (Candaya, 2007).

20 de setembro de 2013 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.