Pedibús de Camiños Escolares arrinca cun percorrido con preto de 30 escolares do colexio Fogar
Preto de 30 nenos e nenas do CEIP Fogar da capital municipal veñen de poñer en marcha o proxecto Pedibús, unha iniciativa da Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Xosé Regueira que pretende poñer en marcha Camiños Escolares de acceso aos principais centros de ensino da vila para que os cativos e cativas vaian andando cada día ao colexio. O obxectivo é avanzar nunha alternativa de mobilidade para o alumnado dos centros de ensino do casco urbano carballés, creando rutas peonís nas que os nenos e nenas teñan contacto directo coa súa contorna cotiá, o seu barrio e as súas xentes. Xosé Regueira realiza un balance positivo desta primeira xornada, na que nais e pais voluntarios acompañaron aos alumnos e alumnas por cinco rutas que funcionan como se se tratase de paradas de autobús. Así, en determinados puntos é onde se recolle aos nenos e nenas que se van incorporando á ruta ata que conflúen todas na rúa Alfredo Brañas, dende onde xa van todos xuntos ata o Fogar, primeiro centro no que se ten posto en marcha o proxecto. O venres 20 de setembro arredor de 30 nais e pais, incluíndo algúns do CEIP Bergantiños, no que tamén se quere implantar a iniciativa, analizaron nunha xuntanza as principais claves dos Camiños Escolares ademais de recibir o material necesario. As reunións faranse cada semana nunha comisión de seguimento para reforzar os avances e solucionar os problemas que puideran xurdir.
Así, e segundo explicou Regueira na xuntanza, na que estivo acompañado polo Sarxento Xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, o proxecto consta de tres fases. Unha primeira, a que se puxo en marcha hoxe, luns 23 de setembro, de tutela total, na que son nais e pais os que supervisan directamente a marcha das rutas, controlan aos rapaces e rapazas nos primeiros días e se crea o hábito; a segunda fase na que os nenos e nenas van sos, aínda que con vixilancia en puntos conflitivos, como cruces ou glorietas; e unha terceira etapa na que os nenos e nenas irían sos pola rúa, gozando da súa autonomía. En todas as fases a colaboración de Protección Civil e a Policía Local para o éxito da iniciativa é fundamental, así como a colaboración de nais e pais, centros de ensino, profesorado e alumnado. En fases posteriores do proxecto, e segundo explica Xosé Regueira, o obxectivo tamén é “tentar que o camiño sexa un camiño divertido”, ademais de seguro. Para o primeiro, desenvolveranse obradoiros de educación viaria, ademais de novos foros nos que os implicados poidan aprender doutras vilas e cidades, como a de Pontevedra, na que se ten posto en marcha o proxecto.
Para conseguir que a actividade sexa atractiva para os cativos e cativas, outra idea é ir introducindo xornadas especiais, como días nos que os participantes vaian ao cole en patinete, bicicleta ou patíns. Así mesmo, e coa colaboración de profesores e profesoras, está previsto tamén que algunhas das tarefas ou “deberes” para casa dalgunhas materias se poidan realizar durante o camiño, coa participación de todos os nenos e nenas e facendo tanto das tarefas como do camiño algo divertido. Entre as normas que teñen os Camiños Escolares, que tamén as hai, están a puntualidade, xa que deben de saír ás 9.00 e ter unha duración de 15 ou 20 minutos como máximo; e ás 14.30 á volta. Todos deben tamén seguir as recomendacións da Policía Local e Protección Civil e respectar as sinais viarias como pasos de peóns e semáforos. Os participantes contarán con todo o material necesario, como chalecos reflectantes e incluso ponchos para a choiva, xa que as condicións meteorolóxicas, salvo casos excepcionais, non debe ser un impedimento para o normal desenvolvemento dos camiños. O venres 27 de setembro celebrarase a primeira das comisións de seguimento, para realizar un balance da primeira semana de Pedibús e seguir avanzando nun proxecto que pretende transformar a vila nun hábitat moito máis amable para os nenos e nenas e redundar na súa autonomía persoal.











