Peche da oficina municipal para obter electronicamente as notificacións cos novos valores catastrais

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Vilagarcía de Arousa ▼
A-
A+

O Concello informa de que o venres, 20 de setembro, remata o prazo de notificación electrónica dos novos valores catastrais que aplicará o Ministerio de Facenda a partir do ano 2014 a todos os contribuíntes propietarios de inmobles no municipio de Vilagarcía. Coa conclusión do prazo o venres pecharase tamén a oficina habilitada polo Concello no edificio de Matosinhos para facilitar aos usuarios a obtención da notificación electrónica.

Segundo os datos facilitados dende a Dirección Xeral do Catastro, o número cartas coas claves de acceso remitidas para o Concello de Vilagarcía ascende a unhas 23.500. A día de hoxe, algo máis do 35% dos usuarios xa descargou a súa notificación a través de internet ben dende casa, ou a través da oficina municipal. A día de hoxe, polo servizo habilitado en Vilagarcía pasaron unhas 3.000 persoas a realizar o trámite. Catro traballadores do Concello encárganse de atender ao público e de facilitarlles a obtención da notificación electrónica a través dos ordenadores e terminais cos que está dotado o centro.

A oficina habilitada no Centro Municipal de Mathosinos abriu o pasado 27 de agosto e funcionará ata o 20 de outubro en horario de mañá, de 8:30 a 14:00 horas. O persoal municipal derivado a este servizo extraordinario facilitará aos usuarios a obtención das notificacións a través de internet, xa que este é o sistema implantado este ano pola Dirección Xeral do Catastro para realizar este trámite. Para elo será imprescindible contar previamente coa clave de acceso que a Dirección Xeral do Catastro remitiu por correo postal a cada propietario, ou dispor de forma ou DNI dixital.

Con esta clave concertada (clave de acceso) os usuarios poden descargarse a notificación directamente dende as súas casas vía internet conectando coa web (http://www.catastro.es), ou dirixirse a oficina municipal onde lles farán o proceso, para o cal será preciso aportar o DNI.

É conveniente que os titulares conserven a carta coa clave para futuras consultas ou trámites.

Implantación da administración electrónica

A notificación electrónica posta en marcha pola Dirección Xeral do Catastro supón un paso máis na implantación da administración electrónica nos servizos catastrais. Este sistema permitirá ao titular dun inmoble (vivenda, garaxe, local comercial, finca…) coñecer o seu valor actualizado no momento que desexe sen necesidade de moverse do seu domicilio. Ademais, tamén permitirá ao titular descargar, de xeito totalmente gratuíto, un certificado descritivo e gráfico que complementa a información do inmoble incluída na notificación.

Dende a Dirección Xeral do Catastro aclaran que a elección deste medio de notificación non obriga nin condiciona ao cidadán no futuro, xa que non existe compromiso de permanencia.

Se o usuario non dispón de firma electrónica nin recibiu a comunicación coa clave de acceso ou a perdeu, pode dirixirse ao Concello ou a Xerencia do Catastro onde lle facilitarán á notificación.

18 de setembro de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.