Péchase o acceso ao Castro de Alobre con motivo do inicio do proxecto da intervención arqueolóxica
A Deputación Provincial comeza mañá os traballos do proxecto de intervención arqueolóxica do Castro de Alobre. Por esta razón, o acceso ao Montiño dende Vista Alegre pecharase de forma provisional mentres dure a actuación, polo que o acceso á zona deberá realizarse polo Parque do Castriño.
A Concelleira de Cultura, Rocío Llovo, recibiu esta mañá a comunicación informando do inminente inicio da intervención a realizar no Castro de Alobre a través do proxecto denominado “Control arqueolóxico das obras de limpeza dos xacementos galaico-romanos do norte da provincia de Pontevedra que executa a Deputación Provincial en nove municipios, entre eles o de Vilagarcía.
A actuación xa conta cos preceptivos informes de Patrimonio e comezará co peche do acceso de Vista Alegre, por onde accederá a maquinaria, e coa creación dun perímetro de seguridade na zona afectada pola actuación xa que os primeiros traballos consistirán na tala dos eucaliptos que medraron sobre os restos das edificacións do antigo castro. Segundo aseguraron dende a Deputación, a tala só afectará a exemplares de eucalipto e limitarase exclusivamente á area na que está previsto realizar as escavacións arqueolóxicas.
Dende o Concello, prégase aos veciños que respecten os valados por propia seguridade e para non provocar danos nas escavacións.











