Ourense súmase á celebración do Día Mundial do Turismo coa organización de dúas visitas guiadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

“Descubre Ourense… con ollos de turista” é o lema dunha nova iniciativa da Concellería de Turismo, destinada á propia cidadanía ourensana. Trátase de dúas visitas guiadas gratuítas que terán lugar este venres, día 27 de setembro, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial de Turismo, cunha duración aproximada de dúas horas e media cada unha.

Tódalas persoas que o desexen poden asistir ás visitas, sen necesidade de inscrición previa. A diurna partirá das Burgas ás 10:30 h., nun circuíto que incluirá o Centro de Interpretación das Burgas, a Praza Maior, a Catedral -con subida á torre e museo catedralicio-, Santa Eufemia, Banco de España e Parque de San Lázaro.

O punto de encontro da nocturna será o claustro de San Francisco, a partir das 20:30 h. e incluirá o propio claustro, a Catedral, a Praza Maior, o Liceo, o Edificio Simeón e a Praza do Ferro.

A concelleira de Turismo, Mónica Vázquez, salientou na presentación a intención da Concellería de fomentar o coñecemento da importancia do turismo e os seus valores sociais, políticos e económicos. Ademais, sinalou a oportunidade que supón a conmemoración do Día Mundial do Turismo, cuxo lema este ano é “Turismo e auga: protexer o noso futuro común” para sensibilizar sobre o papel do turismo no acceso á auga, nunha cidade como a nosa.

A acción pretende, segundo Vázquez, que os ourensáns e as ourensás descubran determinados espazos, monumentos e recunchos da cidade, e os nosos cidadáns sexan conscientes de que son a nosa mellor carta de presentación.

25 de setembro de 2013 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.