Ourense acollerá o “Segundo Café de Europa” sobre novas perspectivas do termalismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O Concello de Ourense organiza durante o día de mañá, formando parte do proxecto europeo SOURCE, o “Segundo Café de Europa”, unha iniciativa desenvolta no marco do programa europeo Culture 2007-2013 para a cooperación cultural, promovida pola Asociación Europea de Cidades Históricas e Termais, entidade da que Ourense é membro fundador.

O encontro internacional, afondará sobre as novas perspectivas en torno ao termalismo, en varias sesións a celebrar no Liceo de Ourense. As sesións darán comezo ás 16 coa conferencia-debate sobre “Os cultos da Auga no mundo antigo”, para continuar coa sesión “Termas e Peregrinacións: desde a Idade Media aos nosos días”, e rematar con “Termalismo para o século XXI: novas formas de diálogo e benestar”.

Ao remate das conferencias, terá lugar no recinto termal das Burgas unha representación teatral, á que asistirán os participantes neste segundo “Café de Europa”. Debido aos preparativos desta representación, o recinto termal pechará ao público ás 19 h, en lugar das 21 h como é o habitual.

Recepción e benvida en Alcaldía

Con carácter previo ás conferencias e debates, terá lugar na Alcaldía unha recepción e benvida por parte do concelleiro de Promoción Económica e Emprego, José Ángel Vázquez Barquero á representante do Ministerio de Cultura, Educación e Deporte de España no Acordo Parcial Ampliado de Itinerarios Culturais Europeos, Pilar Barraca de Ramos; o presidente da Asociación Europea da Vía Francíxena e presidente da ANCOT (Asociación Nacional de Cidades Termais de Italia), Massimo Tedeschi, e o delegado xeral da Asociación Europea de Cidades Históricas e Termais, Michel Thomas-Penette.

18 de setembro de 2013 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.