Os mellores cociñeiros do mundo daranse cita no Fórum Gastronómico da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocalLocal Portada
A-
A+
Presentación do Fórum Gastronómico

Presentación do Fórum Gastronómico

A Coruña acollerá do 23 ao 25 de febreiro o Fórum Gastronómico, o primeiro congreso de gastronomía de Europa e España que reúne os mellores cociñeiros do mundo e grandes profesionais do sector, tanto a nivel nacional como internacional, e que por primeira vez se celebrará na cidade. Así o anunciou hoxe a tenente de Emprego e Empresa e presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, durante a presentación do evento nun acto ao que tamén asistiron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Mariel Padín, e os directores do Fórum Gastronómico, Jaume von Arend e Pep Palau.

A Coruña será a sede do Fórum Gastronómico tras o convenio asinado pola organización do congreso e o Consorcio de Turismo, acordo que permitirá a continuidade do evento en Galicia. O crecemento experimentado nas últimas edicións obrigou a organización a elixir A Coruña como nova sede do congreso -tras tres edicións en Santiago- xa que era necesario un espazo físico maior, condicións que si cumprían as instalacións de ExpoCoruña.

Entre os obxectivos que persegue o convenio destacan:

– Contribuír a consolidar A Coruña como referente gastronómico.
– Potenciar a cidade e o seu ámbito como destino de calidade mediante a súa vinculación á gastronomía e enogastronomía.
– Achegar a gastronomía ao público, potenciando a figura do gastrónomo.
– Reunir e cohesionar aos diferentes colectivos que compoñen o sector turístico e gastronómico de Galicia e España.
– Xuntar a cociña tradicional e de vangarda.
– Preservar o patrimonio agroalimentario e culinario.
– Dinamizar a cidade durante o mes de febreiro dentro da política do Goberno local de apostar pola desestacionalización para captar visitantes todo o ano.

Durante o Fórum Gastronómico organizaranse máis de 80 actividades, entre sesións maxistrais e talleres que reunirán na cidade aos representantes máis destacados do sector enogastronómico a nivel mundial. Ademais dunha gran feira -deseñada e organizada como punto de encontro de profesionais, produtores e empresas, escaparate das novidades e plataforma de promoción dos produtos locais- o Fórum Gastronómico traerá á Coruña espazos innovadores, creadores de tendencias, degustacións gratuítas e aulas de cociña impartidas polos mellores cociñeiros a través de talleres temáticos, entre outras actividades, onde o público poderá ver como traballan os grandes da cociña mundial.

Un auditorio con capacidade para 500 persoas en ExpoCoruña e equipado cos últimos medios técnicos permitirán gozar de espectáculos e actividades en directo. Haberá tamén talleres con demostracións de cociña e catas guiadas de produtos agroalimentarios, organizaranse aulas activas con sesións de alta especialización e un ateneo (espazo no que as empresas expositoras do Fórum presentarán os seus produtos e novidades).

Os nenos terán un lugar no Fórum para que poidan coñecer, manipular e probar diferentes alimentos e iniciarse así na cociña de forma activa e divertida. O programa de actividades do congreso dará especial protagonismo ás denominadas marcas Fórum: o Fórum Doce, o Fórum Viño e o Fórum Cidade, apartado este último onde o congreso se envorca para ampliar as súas actividades co obxectivo de implicar a todos cidadáns da sede do congreso.

Fórum Cidade

“Queremos que todos os sectores da cidade, directa e indirectamente implicados coa gastronomía, involúcrense no Fórum”, explicou Luisa Cid tras indicar que o congreso non se limitará aos actos de ExpoCoruña. Así, a tenente de alcalde engadiu que unha semana antes se celebrarán a diario acontecementos gastronómicos paralelos para buscar a complicidade de todos os sectores locais. Deste modo, aínda que o Fórum Cidade comezará a deseñarse tras a firma do convenio, buscarase a presenza activa das prazas de abastos, da lonxa e de todos aqueles sectores que contribúan a potenciar os produtos locais.

“Se trata de que o Fórum se respire en toda a cidade, mesmo antes da súa chegada”, dixo Cid, quen aclarou que outro dos obxectivos deste grande evento é servir de plataforma da cidade, tanto a nivel nacional e internacional, dar a coñecer aos profesionais e a gastronomía local en todo o mundo, ademais de atraer visitantes porque o congreso dá a posibilidade de ver ás grandes estrelas da cociña internacional, pero tamén aos grandes cociñeiros galegos poñendo á Coruña e Galicia no mapa gastronómico mundial.

A tenente de alcalde engadiu que a celebración do Fórum Gastronómico forma parte da estratexia deseñada polo Goberno local para potenciar a cidade como referente culinario de primeira orde e consolidala como cidade gastronómica líder en Galicia.

Así mesmo, subliñou a forte aposta do Concello por consolidar A Coruña como destino turístico gastronómico con accións como a súa inclusión na rede Saborea España, a plataforma turística amparada pola Secretaría de Estado de Turismo que potencia destinos gastronómicos de calidade, ou a celebración de certames especializados como o Concurso de Tapas Condimento.

Jaume von Arend e Pep Palau confiaron en alcanzar ou mesmo superar na Coruña o éxito de edicións anteriores en Santiago, onde só o pasado ano pasaron polo Fórum Gastronómico máis de 15.000 persoas, acto que cubriron máis de 110 xornalistas de todo o mundo.

Para a edición de 2014 o Fórum Gastronómico contará cun presuposto de máis de 900.000 euros dos que o Concello, a través do Consorcio de Turismo, achegará 200.000 euros.

18 de setembro de 2013 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.