Os festivos locais para o vindeiro ano na Coruña serán San Xoán e Martes de Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que a próxima Xunta de Goberno Local aprobará que os festivos locais de 2014 sexan o Martes de Entroido (4 de marzo) e San Xoán (24 de xuño). O rexedor explicou que esta decisión se adopta co obxectivo de “satisfacer á gran maioría dos coruñeses”.

“Respecto moito aos partidarios do Martes de Entroido, do Rosario e do San Xoán. É unha decisión difícil. Se puidese serían os tres días festivos locais. Tomamos a decisión que era mellor para a cidade, pensando no conxunto dos cidadáns. Pesou o criterio dos cidadáns. Se me deixo guiar polo corazón, ao mellor tería tomado outra decisión. Gobernamos para todo o conxunto dos cidadáns e o criterio máis importante é o que pensan todos os coruñeses”, afirmou o alcalde tras anunciar que o Concello sinalará Martes de Entroido e San Xoán como os seus dous festivos locais para 2014. O Concello, por lei, pode solicitar dous días de festividade local ao ano.

O alcalde explicou que o acordo dos festivos locais para 2014 se levará á próxima Xunta de Goberno Local para a súa aprobación. Carlos Negreira afirmou que o Concello traballará para ofrecer unha programación de festas do Rosario máis completa: “Esta decisión non implica renunciar á patroa da cidade, senón ao revés. En 2014 contaremos coa mellor celebración, xa estamos a traballar nas festas do Rosario do próximo ano”.

25 de setembro de 2013 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.