Os festivos locais en Teo para 2014 serán abordados no pleno de mañá
A corporación teense reúnese este xoves 26 de setembro para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa.
Un dos puntos que se acordarán no pleno son os festivos locais do Concello para o ano 2014. Como é habitual en Teo a proposta da alcaldía recolle que sexan o 29 de maio, día da Ascensión e o 11 de novembro, día do San Martiño.
O resto da orde do día recolle, entre outras, unha proposta do BNG na que se pide que a Xunta de Galicia tome as medidas necesarias para paliar os danos causados pola vaga de lumes especificando que se establezan un programa de axudas en coordinación co Goberno central. Nesta moción tamén se demanda da administración autonómica unha nova política forestal.
A corporación teense tamén terá a oportunidade de posicionarse sobre a reclamación da Axencia Tributaria aos pensionistas que cobran pensións do estranxeiro, a través doutra proposta do Bloque.
A orde do día ten os seguintes puntos:
- Aprobación das actas das sesións do 29.07.2013.
- Dar conta das resolucións da alcaldía (da 602/13 á 729/13).
- Dar conta do informe de avaliación do cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria e capacidade de financiación do 2º trimestre de 2013.
- Ditame da proposta da alcaldía de aprobación dos festivos locais de Teo para o ano 2014.
- Ditame da moción do BNG de apoio ás persoas que reciben pensións de estados estranxeiros.
- Ditame da moción do BNG para que se tomen as medidas necesarias para paliar os danos causados pola vaga de lumes e se poña en marcha unha política contraincendios.
- Ditame da moción do BNG para rexeitar a agresión imperialista en Siria e esixir que o estado español non interveña.
- Ditame da moción do PP sobre rexeitamento de violencia terrorista.
- Mocións.
- Rogos e preguntas.











