Os asociados de Telón e Aparte recibirán descontos e prioridade de adquisición para os bonos do FIOT
A Asociación Cultural Telón e Aparte, encargada da organización cada mes de outubro do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), emprende a partir do 9 de setembro unha campaña de captación de socios para a entidade. O obxectivo é o de ofrecer novas alternativas para paliar na medida do posible os problemas derivados do aforo limitado das funcións do festival, segundo explica o presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e de seguir atendendo as necesidades dos “fioteiros”, os seguidores máis fieis desta cita anual co teatro. Dende o luns 9 e até o luns 16 de setembro, quen o desexe debe cubrir un impreso de solicitude de alta de socio, que xa está dispoñible no web do FIOT <www.fiot.org>, e entregalo nas oficinas da Concellaría de Cultura situadas no primeiro andar do Pazo da Cultura. A cota é de 20 euros e a condición de asociado será por período dun ano (de setembro a agosto). Os socios terán dereito á compra anticipada do bono do FIOT nun prazo exclusivo e previo á venda para o público en xeral, así como a un desconto do 20 por cento na adquisición do mesmo. Ademais, os primeiros 50 asociados terán dereito a adquirir un segundo bono, tamén en prazo anticipado.
O número máximo de socios admitidos corresponderase co número máximo de bonos que se poñen á venda cada festival, un total de 175. Ademais do desconto no bono e da venda anticipada, os novos integrantes de Telón e Aparte terán dereito a recibir información personalizada sobre o programa do FIOT, como as posibles limitacións aos espectáculos ou dos espazos, e contarán con preferencia para acceder a espectáculos de aforo reducido. Tan pronto sexa efectivo o pago dos 20 euros, os asociados recibirán ademais un carné que os acredita como membros da entidade. Unha vez rematado o proceso de reconto e alta de socios, será cando se abra o período de venda de bonos prioritario. Non se descarta que no futuro poidan concretarse novas vantaxes para os asociados, así como actividades ás que poidan acceder noutros momentos do ano. Na presentación desta campaña de captación estiveron presentes, ademais do presidente da Asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro; o vicepresidente, Antón Guitoi; e a Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Pouco quixeron adiantar da próxima edición do FIOT, aínda que Sueiro subliñou que a organización espera superarse un ano máis e adiantou que a cita transcorrerá entre o 5 e o 31 de outubro.
Xuntanza cos hostaleiros para a Rúa dos Contos
Durante a presentación, Antón Guitoi tamén quixo convocar a todos os hostaleiros de Carballo que o desexen a asistir o luns 9 de setembro no Pazo da Cultura a partir das 17.00 horas a unha xuntanza na que perfilar os detalles da Rúa dos Contos, que terá lugar entre o 5 e o 13 de outubro nos principais bares, tascas, pubs e cafetarías do centro carballés. Guitoi invita a que acudan todos os que queiran colaborar e manifestou que a organización está aberta a calquera suxestión ou idea que axude a artellar esta cita un ano máis.
Por último, os interesados e interesadas poden descargar o impreso de solicitude de socio para Telón e Aparte nun documento en pdf nesta mesma nova.











