Os artesáns ourensáns colaboran co arquivo visual da cidade para recuperar fotos antigas do casco histórico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

12092013-4A colaboración destas dúas entidades ten como obxectivo final rescatar e conservar a memoria histórica do Ourense fotográfico antigo. Ao mesmo tempo, a Asociación de Artesáns de Ourense, Adao, colabora co fin de revitalizar e dar a coñecer a zona na que se sitúan as tendas dos artesáns ourensanos, a rúa Colón.

Coa filosofía da recuperación e posta en valor do patrimonio gráfico de Ourense e provincia como punto de partida, o Arquivo Visual Ourensán, AVO, créase en 2010 como organización sen ánimo de lucro para desenvolver distintas actividades que se encamiñen a este fin. Unha delas, que na pasada edición obtivo un grande éxito, é o Roteiro que realizan cos arquivos gráficos que recompilan e cuxa única intención é dar a coñecelos. Para darlle continuidade, este ano organizan o II Roteiro, que discorrerá por varias zonas do casco histórico.

Co obxectivo de recuperar estas fotos que, co paso do tempo, caeron no esquecemento e son auténticos tesouros, ambas as dúas entidades convocaron o I Concurso de Fotografía Antiga cuxo prazo está aberto ata o próximo 22 de setembro. Nel poderán participar todas as persoas que teñan fotografías antigas do tramo que vai do Posío á Praza Maior, co fin de reconstruír fotograficamente a vida e a historia desta zona sur da cidade. Os establecementos artesáns da rúa Colón colaboran na recollida destas fotos, que se devolverán ao finalizar o concurso. Premiaranse dúas categorías: a calidade artística da foto e a relevancia histórica do momento fotografado.

Con todas as imaxes recollidas se realizará unha exposición no local social que os artesáns teñen na rúa Colón, que será inaugurada no mes de outubro. As bases completas, así como a composición do xurado ou os premios, pódense consultar nos perfís de Facebook del Arquivo Visual Ourensán e da Asociación de Artesáns de Ourense, así como na dirección arquivovisualourensan@yahoo.com.

Tanto Olga Santos, presidenta de Adao, como Manuel Ángel García, o seu homólogo en AVO, consideran relevante esta iniciativa pois permite dar a coñecer os cidadáns de Ourense e os seus visitantes, a riqueza documental da cidade a través destas imaxes que ademais se salvagardan para evitar a súa desaparición.

12 de setembro de 2013 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.