Os alumnos do curso de carnicería inícianse coas prácticas en empresas
Un total de 15 persoas desempregadas -6 mulleres e 9 homes- comezarán o vindeiro luns, día 16 de setembro, as prácticas profesionais en empresas dentro do curso “Carnicería e elaboración de produtos cárnicos”, organizado pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol ao abeiro do proxecto “Ferrol punto de Emprego II”. Así, o alumnado participante neste itinerario de inserción socio-laboral realizará 210 horas de prácticas titorizadas na sección de carnicería de supermercados de Gadis e Froiz.
Esta acción formativa, cunha duración total de 435 horas, comezou o 15 de xullo e o seu remate está previsto para o mes de novembro. O obxectivo do curso é capacitar ao alumnado para a realización de operacións de valoración da carne, de despece e de preparación e elaboración de produtos e preparados cárnicos, cumprindo a normativa técnico-sanitaria vixente, así como capacitar para a comercialización de produtos cárnicos.
O programa “Ferrol Punto de Emprego II” da Administración local, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten por finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











