Os alumnos de cero a seis anos terán axudas para compras de material escolar

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Vilagarcía de Arousa ▼
A-
A+

A concelleira de Educación Rocío Llovo, anunciou durante o acto que Concello convoca un ano máis as axudas para a adquisición de material escolar do para alumnado de Educación Infantil. As subvencións serán dun máximo de 50 euros por alumnos e concederanse en función da situación socio económico da unidade familiar co obxectivo de que cheguen a quen máis as precisa.

As solicitudes poderán presentarse despois de que a convocatoria saia publicada no BOP nos vindeiros días. En calquera caso a Concellería de Educación xa remitiu as bases aos colexios para que vaian informando ás familias e o Concello volverá a avisar unha vez que se abran os prazos.

O Concello creou esta liña de axudas para cubrir o baleiro existente no Ensino Infantil (de 0 a 6 anos), para o cal non se concedían subvencións a través de ningunha outra administración, como ocorre coas demais etapas da Educación Obrigatoria. As axudas municipais están dirixidas ao primeiro e segundo ciclo de Infantil de alumnado residente no municipio e matriculado en centros de Vilagarcía sostidos con fondos públicos, así como en escolas infantís autorizadas. A partida disposta este ano polo Concello para financiar estas axudas ascende a 7.000 euros, dos que 3.000 as aporta o departamento de Servizos Sociais e 4.000 a Concellería de Educación.

As familias interesadas en solicitar as axudas deben cubrir o formulario que poden obter nos departamentos de Educación ou Servizos Sociais do Concello, así como no servizos de Información Municipal ou a través de internet, imprimindo o documento pendurado no taboleiro de anuncios desta web, onde tamén se poden consultar as bases que rexen a convocatoria.

Durante a visita ao CEIP de Vilaxoán, o alcalde e a concelleira tiveron a oportunidade de coñecer as impresións da directora sobre os traballos de mantemento realizados polo Concello para a posta a punto do centro e que estaban completamente rematados para o inicio do curso. Acompañados pola directora, visitaron as instalacións e mesmo saudaron aos nenos de Infantil e Primaria que se atopan nas clases.

Ordenadores portátiles para os alumnos

Fole e Llovo tamén departiron co profesorado e nunha clase de 5º curso comentaron cos alumnos o xeito de traballo a seguir durante o curso nas catro aulas do centro que participan no proxecto Abalar da Xunta, grazas ao cal cada alumno disporá dun ordenador portátil para traballar na clase que tamén conta con acceso a internet e medios audiovisuais. Ademais, todas as aulas do colexio de Vilaxoán están dotadas de pantalla e cañón para as explicacións utilizando información extraida de internet.

11 de setembro de 2013 | 14:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.