Os actos para conmemorar o día mundial do Alzheimer en Ferrol incluirán un curso para familiares dos enfermos
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, presentou hoxe o programa de actos con motivo da celebración do Día Mundial do Alzheimer, que terá lugar o día 21 de setembro. A edil ferrolá estivo acompañada pola presidenta da Asociación Afal-Ferrolterra, Milagros Prieto, entidade organizadora xunto co Concello de Ferrol.
A responsable das políticas sociais, explicou que a Casa Solidaria acollerá a partir do luns 23 unha exposición dos traballos realizados polos usuarios dos dous Centros de día para enfermos de Alzheimer que dirixe Afal-Ferrolterra. Así mesmo, do 23 ao 27 de setembro, en horario de 10:30 a 12:30 horas, terá lugar na Casa Solidaria un curso de formación para os familiares dos enfermos que leva por nome “Convivir coa enfermidade do Alzheimer”. Os interesados en participar no obradoiro poderán presentar a súa solicitude dende hoxe no Rexistro Xeral do Concello.
Pola súa banda, a presidenta de Afal-Ferrolterra, Milagros Prieto, quixo agradecer a colaboración do Concello de Ferrol “para nós é moi importante”. Así, explicou que a celebración deste ano, que leva por nome “Alzheimer Cuestión de Estado”, tamén acollerá xornadas de portas abertas, charlas e unha cea benéfica. A xornada de portas abertas, novidade deste ano, terá lugar o día 25, de 11:30 a 12:30 horas, e permitirá coñecer a asociacións e persoal sociosanitario o día a día no Centro de Día Terapéutico, situado na rúa Río Castro.











