Os 410.000 euros investidos na creación dun novo módulo na escola infantil da Laracha suma 41 prazas

Sinatura do convenio
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, recibiu hoxe na Casa Consistorial á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, nun encontro no que foi asinado o convenio de colaboración entre ambas administracións para o desenvolvemento do proxecto de ampliación da escola infantil da Laracha, integrada na rede A Galiña Azul.
A actuación foi incluída no plan Educa3 e está valorada nun total de 410.000 euros. O novo módulo terá unha superficie total de 288 metros cadrados e constará de tres aulas, unha sala de profesores e unha área de descanso. Posibilitará acoller a outros 41 nenos máis, polo que a escola infantil da Laracha pasará a ter unha capacidade total de 115 usuarios.
Os trámites urbanísticos necesarios para poder sacar a licitación as obras concluíronse recentemente coa aprobación definitiva da modificación do estudo de detalle da parcela na que se sitúa o centro, necesaria para reordenar e adaptar o solo do ámbito. A solución proposta polo goberno local non alterou nin as características nin a superficie da parcela (4.636 m2). pero permitirá aumentar a ocupación de terreos, cuestión imprescindible para a creación do novo edificio. Ademais, o reaxuste das aliñacións establecen un incremento da anchura da rúa en beneficio dos espazos destinados a aparcamentos e accesos á instalación.
Segundo os datos ofrecidos por Roberto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, estase ultimando a redacción do proxecto e posteriormente procederase á súa revisión. A previsión é que poida sacarse a licitación ao longo do mes de outubro.
José Manuel López Varela mostrouse moi agradecido á consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia polas “moitas iniciativas que está a apoiar e realizar no Concello da Laracha”, destacando fundamentalmente tres. En primeiro lugar, “o convenio que acabamos de asinar para a ampliación da escola infantil e que nos permitirá cubrir todas as necesidades dos nosos veciños na escolarización dos nenos de cero a tres anos de idade ante o aumento da demanda”. A continuación, o alcalde referiuse á recente apertura do fogar residencial, a que é “unha aspiración de hai moitos anos para o goberno local”. Por último, citou o obradoiro de emprego que se desenvolverá conxuntamente co municipio de Arteixo, que, xunto aos cursos de atención sociosanitaria a persoas dependentes, vén a complementar as posibilidades de formación que se ofrece aos veciños da Laracha que se atopan en situación de desemprego. En definitiva, López Varela concluíu que se trata de “noticias moi positivas para o Concello da Laracha”.
Para Beatriz Mato, que asegurou sentirse na Laracha “como na miña casa”, apoiar o convenio para a ampliación da escola infantil “é unha satisfacción”, xa que “se axudará a 41 familias na conciliación da súa vida persoal e laboral”. A conselleira de Traballo e Benestar afirmou que “a Xunta de Galicia ten un claro compromiso con dotar de máis prazas públicas” a este tipo de centros, cifrando o incremento previsto para a presente lexislatura autonómica en outras 3.000 prazas.
En relación á area de traballo, a conselleira referiuse ao obradoiro de emprego que promoven conxuntamente A Laracha e Arteixo como un exemplo de “política activa de emprego 100%” polo que está a apostar o seu departamento co obxectivo de “mellorar a empregabilidade e a preparación das persoas de cara a súa inserción laboral”.
Visita ao fogar residencial
Despois de asinarse o convenio de colaboración no Salón de Plenos da Casa do Concello, a conselleira quixo facer unha visita ás instalacións do fogar residencial, que está en funcionamento desde o luns da semana pasada.
Beatriz Mato mantivo un cordial encontro cos residentes e tamén cos usuarios do centro de día, situado na planta baixa do mesmo edificio.











