Os 23.000 alumnos de ESO e bacharelato da área de Vigo inician o novo curso académico
Esta mañá, un total de 22.917 estudantes dos 14 concellos que conforman o ámbito da Delegación Territorial da Xunta en Vigo deron comezo ás clases en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e bacharelato nos centros educativos. O curso 2013/14 deu comezo con total normalidade para, segundo os datos provisionais de matriculación, 17.033 alumnas e alumnos na ESO e 5.884 en bacharelato.
Da ausencia de incidencias deu conta o propio conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, esta mañá no IES Carlos Casares, onde estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e o xefe territorial, César Pérez Ares.
Educación Secundaria
Un total de 17.033 alumnos – 471 máis que no ano pasado- iniciaron o curso nos centros que imparten Educación Secundaria Obrigatoria nos concellos da área territorial de Vigo, fronte aos 16.562 do ano pasado. Deles, un total de 10.506 alumnos e alumnas farano nos centros da cidade olívica.
Bacharelato ordinario
Tamén comezaron hoxe o curso os alumnos do bacharelato ordinario. En total, nos 14 concellos da Delegación de Vigo, 5.884 estudantes están matriculados no curso 2013-14, Deles, 3.962 están matriculados no municipio vigués.











