Os 15 desempregados do curso de carnicería comezaron as súas prácticas laborais

Primeira xornada de prácticas
O alumnado do itinerario formativo de “Carnicería e elaboración de produtos cárnicos” comezou hoxe as prácticas profesionais en empresas do sector. Este curso de inserción socio-laboral está organizado pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol e forma parte do proxecto “Ferrol punto de Emprego II”, posto en marcha polo Goberno Municipal.
As 15 persoas desempregadas -6 mulleres e 9 homes- que participan nesta acción formativa realizarán 210 horas de prácticas titorizadas na sección de carnicería de supermecados de Gadis e Froiz. O curso deu comezo o pasado 15 de xullo e se prolongará ata o mes de novembro, cando as persoas participantes completarán as 435 horas da totalidade da formación. O obxectivo do itinerario de inserción socio-laboral é capacitar ao alumnado para a realización de operacións de valoración da carne, de despece e de preparación e elaboración de produtos e preparados cárnicos, cumprindo a normativa técnico-sanitaria vixente, así como capacitar para a comercialización de produtos cárnicos.
O programa “Ferrol Punto de Emprego II” da Administración local, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten por finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











