Ortigueira retomará en outubro as clases de reforzo de lingua inglesa
A Concellaría de Participación Social e Educación continuará en outubro o programa de apoio cualitativo ao inglés en horario extraescolar. Durante o curso 2013- 2014, e por oitavo ano, ofertará clases de reforzo deste idioma, tanto no núcleo urbano coma noutras tres parroquias do municipio. As persoas que queiran beneficiarse da iniciativa non teñen máis que inscribirse, acudindo á clase.
O concello poñerá o 1 de outubro este programa destinado a complementar a actividade docente ordinaria. O obxectivo non é outro que reforzar a formación en lingua inglesa que reciben diariamente na aula os alumnos/ás dos centros educativos locais. Deste modo, preténdese facilitar o desenvolvemento da súa competencia no uso, tanto oral coma escrito.
Na Vila, as clases desenvolveranse no CEIP José María Lage entre semana e en horario de tarde. Ofertaranse semanalmente dúas horas lectivas para os seguintes grupos: nenos/ás de 3 a 4 anos, alumnado de 5 e 6 anos, de 7 e 8 anos, de 9 a 12 e de máis de 12 anos. Este último grupo está aberto aos rapaces de IES e tamén ao público adulto. Ademais, haberá unha hora semanal de conversación para principiantes e outra para veciños cun nivel de coñecemento medio.
Esta proposta “complementaria” incluirá, ademais clases noutras tres parroquias do municipio. En principio, serán tres. Espasante contará con dous grupos de idade, con clases os martes e xoves. En zonas con menor demanda conformarase un grupo único. Tal é o caso de Santiago de Mera e O Ermo, onde as clases terán lugar os sábados pola mañá.
As persoas interesadas deberán inscribirse, cubrindo as follas que lles entregará o persoal docente ao inicio das clases. Como en cursos anteriores, habilitarase un período de proba ata o 15 de outubro para decidir se a proposta é do seu interese.
Os beneficiarios deste programa de reforzo escolar deberán colaborar co concello no financiamento do servizo achegando o prezo de 2’5 euros por cada hora, con bonificacións do 50% a partir do segundo membro matriculado da unidade familiar. A Concellaría de Participación Social e Educación de Ortigueira volverá activar o programa no marco da oferta educativa municipal.
Outras 30 veciñas formaranse en materia de primeiros auxilios
O CIM de Ortigueira, dependente da Concellaría de Benestar Social, programa o próximo luns, 16 de setembro, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns del Sergas, un novo curso de primeiros auxilios. A iniciativa, incluída no programa “Muller e saúde”, tivo tal demanda o pasado mes de maio que tivo que repetirse.
A actividade desenvolverase entre as 16:30 e as 20:30 horas no Centro de Participación Social de Ortigueira (Antigo hospital de San Roque) e estará impartido, como sucedese co anterior curso, por un experto formador do Servizo Galego de Saúde.
Da man do doutor Fernando Souto Mata, médico base de Ferrol, e os técnicos do O61, Mª Consuelo Vidal Rivas e Javier Abella Lorenzo, as máis 30 participantes poderanse familiarizar coas nocións elementais acerca do manexo de situacións que requiran unha actuación de urxencia básica.
Durante a sesión, comentarase, por exemplo, como ha de actuarse en casos de convulsións ou crises epilépticas, ante dificultades respiratorias, dor torácica, perdas do coñecemento, traumatismos, reaccións alérxicas ou picaduras, ademais de aprender a realizar unha reanimación cardiopulmonar básica.
O ciclo “Muller e Saúde” terá continuidade o próximo mes de outubro cun taller sobre cancro de mama e, a finais de novembro, cunha charla sobre atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero.











