Ortigueira aproba unha ordenanza para axilizar a concesión de axudas de emerxencia social
O Concello Pleno de Ortigueira aprobou na reunión ordinaria que tivo lugar esta mañá a súa nova ordenanza de emerxencia social. O texto busca axilizar ao máximo a concesión destas axudas destinadas a paliar e previr, na actual conxuntura económica, necesidades extraordinarias e urxentes que afecten ás necesidades básicas dos veciños do municipio.
A ordenanza que recibiu o visto e prace inicial da corporación regula as axudas e prestacións económicas de carácter non periódico destinadas a resolver, na medida dos posible, situacións de emerxencia e evitar a exclusión social de sectores de poboación que carezan de recursos económicos propios para a atención das súas necesidades máis básicas.
A nova normativa ampara persoas maiores de idade que estean empadroadas en Ortigueira con polo menos seis meses de antigüidade e con residencia efectiva no municipio, e que acrediten estar en situación de necesidade.
Detallan dende a Concellaría de Benestar Social que estas axudas finalistas permitirán afrontar necesidades básicas (gastos de alimentación, de vestiario, farmacolóxicos…), axudas para o mantemento da vivenda (pagamentos de subministracións, alugueres atrasados, importes pendentes para evitar desafiuzamentos) e gastos non cubertos por outros sistemas de protección social como, por exemplo, o aloxamento alternativo cando sexa inviable permanece no domicilio habitual por situación de catástrofe, violencia de xénero…
Por iso, tal e como subliña o alcalde Rafael Girón un dos retos da ordenanza pasa por axilizar ao máximo o procedemento de concesión. Non en van, sostén o rexedor que “para garantir a eficacia da prestación económica será crucial reside que poida ser cuberta de forma inmediata” e iso é o que facilita a norma aprobada co voto a favor dos 7 edís populares e a abstención dos 5 concelleiros do PsdeG presentes.
Dende o departamento de Benestar Social apúntase que, nos últimos tempos, e debido á crise económica, se viñeron incrementando os casos de veciños con problemáticas sociais derivadas, en boa medida, do aumento das situacións de desemprego.
Axuda a domicilio
Tamén no marco das políticas sociais, o Concello Pleno de Ortigueira aprobou tamén inicialmente (7 votos a favor do PP e 5 abstencións do PsdeG), a modificación da ordenanza reguladora do Servizo de Axuda a Domicilio Municipal. A iniciativa tomouse pola necesidade imposta dende a Xunta de adaptarse ao novo decreto autonómico que regula os servizos sociais comunitarios.
O texto, aprobado esta mañá na reunión plenaria e validado anteriormente pola Consellería de Traballo e Benestar Social, garante unha calidade e intensidade homoxéneas nos distintos tipos de atención prestada polas auxiliares de axuda no fogar aos beneficiarios do servizo.
Planta residuos construción
Noutra orde de cousas, o Concello Pleno declarou deserto o procedemento para a contratación da explotación e mantemento da Planta de reciclaxe e depósito de residuos da construción, situada no polígono industrial, tras rexeitar a única proposición presentada ao non cumprir a firma aspirante os requisitos técnicos precisos ao non contar coa autorización necesaria para actuar como xestor de residuos industriais non perigosos nunha planta fixa como a instalación ortegana. En paralelo, aprobouse (7 votos a favor do goberno local e 5 abstencións do PSdeG) iniciar un novo procedemento de contratación para poñer en funcionamento esta infraestrutura ambiental no que rexerán os mesmo pregos de condicións técnicas e económico- administrativas.











