“Ortegal ao paso” incluirá catro rutas por espazos naturais de Ortigueira
A Concellaría Turismo e Cultura de Ortigueira colabora coa empresa local Roteiros, na promoción do programa estival de sendeirismo “Ortegal ao paso”. A iniciativa incluirá este mes de setembro media ducia de rutas, boa parte delas por territorio ortegano, facilitando así aos últimos visitantes do verán 2013 unha alternativa para coñecer da man dun guía especializado algúns dos encalves de maior interese do municipio.
Subliñan dende o departamento municipal o potencial desta consolidada oferta de itinerarios guiados para poñer en valor o patrimonio ambiental e histórico do municipio, que constitúe ademais un dos principais reclamos para os que visitan a bisbarra.
Na primeira das saídas previstas este mes (mañá, 3 de setembro) percorrerase a “ruta das lendas da Faladoira”. Trátase dun itinerario de marcado interese arqueolóxico que, por estar enmarcada dentro da celebración do Ano Federico Maciñeira se ofertará de xeito totalmente gratuíto.
O calendario de “Ortegal ao paso” incluirá outros tres itinerarios por espazos naturais de Ortigueira. Así, o venres 6 de setembro programarase a “Ruta das algas” que discorre polos impresionantes acantilados de Loiba, pasando por varias praias virxes deste tramo costeiro que forma parte do LIC Estaca de Bares. O martes 10, a “Ruta do Río Mera”, un percorrido polos bosques de ribeira e os vales de Santa María e Santiago de Mera. Finalmente, o mércores 11 de setembro, realizarase unha ruta ata o santuario de San Andrés de Teixido, percorrendo os camiños primitivos de peregrinación que parten dende a parroquia ortegana de San Adrián de Veiga.
As camiñadas realizaranse en horario matinal e terán un custo de 15 euros/ persoa para adultos e 6 no caso de nenos. Para participar será necesario inscribirse ao menos con 24 horas de antelación na Oficina de Turismo de Ortigueira.
“Ortegal ao paso”, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, é un programa pioneiro na valorización, con fins turísticos, da paisaxe e o medio da bisbarra; precisamente os dous principais reclamos que, segundo os últimos estudos do perfil de turista, ten Ortegal para atraer visitantes. De feito, o mesmo estudo apunta que ata un 34’5% demandan e practican sendeirismo durante a súa estanza en Ortigueira.











