Oroso inviste 36.000 euros nun novo alumeado público nos accesos á urbanización Porto Avieira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, vén de supervisar a posta en funcionamento dun novo alumeado público na rúa María Casares, na parroquia de Gándara. Un novo alumeado público que se estende entre o final da senda peonil que une Sigüeiro coa Gándara e o inicio da urbanización Porto Avieira.

As obras, que comezaron a executarse a finais do mes de agosto, supuxeron un investimento de 36.581 euros, financiados polo Concello de Oroso e a Deputación da Coruña dentro do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos 2013. Uns traballos que mellorarán a seguridade viaria de peóns e automobilistas, que non dispuñan de ningún punto de luz na rúa María Casares, moi utilizada como primeiro acceso á urbanización Porto Avieira.

Manuel Mirás adianta que “nos próximos anos temos a intención de rematar a senda peonil entre Sigüeiro e Gándara co tramo da rúa María Casares, no mesmo lado onde vai o alumeado público que acabamos de estrear”. Deste xeito, os veciños e veciñas de Porto Avieira estarán unidos coa capital municipal (Sigüeiro) a través dunha senda peonil que parte das propias beirarrúas da urbanización, o que mellorará a súa seguridade viaria.

30 de setembro de 2013 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.