Operarios municipais retiran as árbores caídas no leito do río Verdugo

Retirada das árbores
Operarios do Concello de Ponte Caldelas están a proceder ao retirado das árbores caídas sobre o leito do río Verdugo e que permanecían na zona tras as últimas enchentes producidas o pasado inverno.
Estes labores de limpeza lévanse a cabo aproveitando que nesta época do ano o caudal do río é máis baixo e así os operarios poden acceder con menor dificultade ás árbores caídas e proceder ao seu rescate e retirada do leito do Verdugo.
Os operarios están auxiliados por unha pa escavadora que actúa de forma tractora para levantar e axudar no retirado de madeiros e pesadas ramas. Así mesmo, procédese ao torado con motoserras para facilitar o seu transporte nun camión municipal.
A intención do Concello é limpar por completo o leito do río Verdugo ao seu paso polo paseo fluvial, praia fluvial e, sobre todo, as inmediacións da vila co fin de previr con esta actuación posibles danos no mobiliario urbano derivados da acción das augas nunha nova tempada de chuvias e enchentes.
A limpeza do río facilita que flúa a auga que, no caso do río Verdugo e en inverno, se converte en receptor natural das augas pluviais acumuladas nos principais montes que compoñen a súa conca ao longo do municipio de Ponte Caldelas facendo que a súa canle creza de xeito espectacular que, de encontrarse obstruído pola presenza de árbores e ramas, facilitarían un perigoso desbordamento non desexado.
O mantemento dos espazos verdes e en particular o paseo fluvial e as marxes do río Verdugo é unha prioridade para o Concello de Ponte Caldelas que ten nos seus atractivos naturais e ecolóxicos un dos seus principais activos turísticos, tal e como confirman as estatísticas elaboradas pola Oficina de Información Turística que fala de que a maior parte dos visitantes a este municipio veñen en busca de tranquilidade, desfrute harmónico do contacto coa natureza e un lugar excelente para o turismo familiar.











