Oleiros oferta cursos de informática para persoas maiores de 60 anos
O Concello de Oleiros oferta varios cursos de informática destinados a persoas maiores e enmarcados dentro do programa de Alfabetización Dixital 60+. Saber manexar un ordenador, iniciarse na navegación en internet, usar o correo electrónico e acceder ás redes sociais son os obxectivos destes cursos levados a cabo polos Servizos Sociais oleirenses.
Para participar en calquera destes cursos que se ofertan as persoas interesadas poderán realizar a solicitude de incorporación a través da carpeta cidadá da web do Concello de Oleiros, www.oleiros.org, no “Programa de informática para maiores de 60” ou ben en persoa no Departamento de Servizos Sociais.
A inscrición está aberta ata o próximo 28 febreiro de 2014. En función das persoas que se vaian incorporando e dos niveis para os que se solicite se irán realizando os cursos. Para participar as persoas interesadas deben ter cumpridos os 60 anos e estar empadroados no Concello de Oleiros.
Os cursos realizaranse en horario de tarde, na aula de informática do Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo na urbanización Os Regos. Serán cursos de 32 horas, en sesións de dúas horas diarias os luns, martes, mércores e xoves. O horario poderá ser entre as 16:00 h e as 20:00 h. O custo de cada curso será de 35,20 euros.
A alfabetización dixital é un dos obxectivos do Programa de envellecemento activo que se desenvolve desde a Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Consumo, por iso estes cursos teñen como fin achegar a todas as persoas maiores ao mundo da informática, de internet, das redes sociais e do intercambio de arquivos. Docentes expertos na materia e no ensino serán os responsables de impartir estas clases, polas que xa pasaron preto de 200 persoas maiores de Oleiros desde o ano 2010 e supuxeron o punto de partida para achegarse a internet e ao mundo dixital.











