Ofértase un novo curso de monitor de tempo libre
O Concello de Nigrán, continuando coa programación anual de formación ofrecida aos veciños deste municipio anuncia a realización dun curso de monitor de tempo Libre, cunha duración de 350 horas –teóricas e prácticas-, dirixido de forma prioritaria a persoas desempregadas e empadroadas en Nigrán. Ao longo do mesmo, o alumnado aprenderá a organizar, dinamizar e evaluar actividades de ocio educativo dirixidas á infancia e a xuventude, no marco da programación xeral dunha organización, aplicando as técnicas específicas de animación grupal, incidindo na educación de valores e atendendo ás medidas básicas de seguridade e prevención de riscos.
O concello cofinanciará este curso oficial e homologable, de tal xeito que cada alumno deberá aportar un total de 75 € aboados antes do inicio do curso, mediante pagamento bancario, unha vez se lle comunique ao interesado a selección para o curso.
Este curso, que se impartirá nas instalacións municipais do Centro Antena Municipal (Rúa Otero Pedrayo, nº 52), terá unha formación teórica de 200 horas, e se desenvolverá do 7 de outubro ao 5 de decembro, de luns a venres, en horario das 09.45 a 14.00 horas. Ao longo da actividade levarase a cabo un fin de semana de convivencia co cal completaranse a totalidade das horas teóricas.
O número máximo de faltas posibles é dun 20% das horas (40 horas en total). A posterior homologabilidade do curso require a realización de prácticas cun total de 150 horas. O prazo de inscricións está aberto do 16 ao 30 de setembro, poñendo a disposición dos veciños de Nigrán un total de 25 prazas.
As persoas interesadas en participar terán que presentar a súa solicitude no Rexistro Municipal, cubrindo unha instancia que estará a súa disposición no propio Rexistro, no Departamento de Emprego, no Centro Antena de Nigrán e na páxina web deste concello www.nigran.org.











