Obradoiro de reparación de bicis e o paseo nocturno na Semana da Mobilidade
Os actos que se veñen desenvolvendo nos últimos días no marco da semana da Mobilidade amplíanse de cara á fin de semana. De feito mañá sábado, ao circuíto de seguridade viaria e á exposición de vehículos limpos súmanse os obradoiros para aprender a andar en bicicleta, os de reparación e o Paseo Nocturno.
A explanada peoníl da rúa García de Caamaño (entre a ponte de Vista Alegre e a Praza de Abastos) acollerá á partir das cinco e media da tarde de mañá un obradoiro de reparación, na que a xente poderá aprender a realizar pequenos arranxos e labores comúns de mantemento nas súas bicicletas. O encargado de impartir o obradoiro será Manolo Louzán, de Motobazar, que ensinará aos presentes cousas como cambiar unha roda, poñer un parche para arranxar un pinchazo, comprobar a presión das rodas, ou axustar os freos.
Para animar á xente á utilizar a bicicleta para os seus desprazamentos diarios pola cidade, hábito saudable é a vez ecolóxico, é imprescindible saber manexar este vehículo. Por iso, este ano tamén haberá un obradoiro para ensinar a montar en bici a aquelas persoas que non saiban, tanto nenos como adultos. A modo de exemplo, o ano pasado unha persoa maior tardou 20 minutos en aprender a manexarse no biciclo. Este obradoiro de aprendizaxe tamén se impartirá a partir das cinco e media en García de Caamaño.
O segundo punto de celebración da semana da Mobilidade volverá a estar mañá na Avenida da Mariña. Alí, en concreto na explanada do Auditorio, seguirá funcionando o parque de educación viaria no que quen o desexe poderá aprender os significado das sinais e as normas de circulación nun circuíto habilitado para bicicletas e peóns. O parque funcionará de cinco a oito da tarde, ao igual que a exposición de vehículos limpos (coches, motos, patinetes e bicicletas eléctricas) que se exhiben no paso central do Parque Miguel Hernández.
Os actos da semana da Mobilidade pecharanse o sábado con aire festivo e multitudinario co tradicional Paseo Nocturno en Bici que partirá da zona do Cavadelo. Os ciclistas deberán concentrarase a partir das 21:00 horas no punto de encontro para iniciar a marcha ás 21:30 horas. Trátase dun paseo lúdico e familiar no que poden participar persoas de tódalas idades e que discorrerá dende O Cavadelo ata Vilaxoán, regreso a Vilagarcía, e marcha ata Carril polo Paseo Marítimo para concluír no punto de saída.
O paseo realizarase na compaña de Policía Local e Servizo municipal de Emerxencias e Protección Civil que se encargará de velar pola seguridade dos participantes no único tramo no que a marcha deberá discorrer pola calzada, que é o que vai dende Ferrazo ata o Parque de Dona Concha, en Vilaxoán.
O Concello pecha a Semana da Mobilidade o domingo, 22 de setembro, xornada na que se conmemora o Día Mundial sen Coches. Para celebrar esta data na que se reivindica unha cidade para os peóns,, máis segura, limpa de gases e de coches e con menos ruído; en definitiva, unha cidade máis agradable para vivir e pasear, pecharanse ao tráfico as rúas do centro da cidade entre as cinco da tarde e as dez da noite











