O X Congreso Internacional sobre o ensino da Educación Física aborda o Plan Galicia Saudable
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, destacou hoxe o compromiso da Xunta, a través do Plan Galicia Saudable, para que cada vez máis galegos e en todas as idades incorporen a práctica da actividade física e deportiva á súa vida cotiá. “Sabemos do complicado do obxectivo e que non podemos esperar resultados inmediatos ou cortoplacistas, pero existe un alto grao de concienciación sobre o necesario da actuación”, aseverou, logo de insistir na necesidade de procurar o traballo, colaboración e coordinación de todos os axentes implicados, “algo que é consubstancial ao Galicia Saudable, e que ven motivado pola complexidade do obxectivo a lograr dado que estamos a falar de hábitos de vida”.
Durante a súa participación na inauguración do X Congreso Internacional sobre o ensino da Educación Física e o Deporte escolar, co relatorio “Plan Galicia Saudable. Relación deporte, saúde e economía”, Lete Lasa expuxo aos participantes o plan de acción do Goberno galego, no convencemento de que a xeneralización da práctica de actividade física e deportiva entre os galegos é imprescindible para acadar o obxectivo desexado de maiores cotas de benestar.
Cómpre salientar que esta décima edición, que se celebrará en Pontevedra ata o vindeiro domingo, reúne a expertos e profesionais do ensino da educación física e o deporte e está dedicada á educación física e o deporte como promotores de vida saudable e como ferramentas de intervención na prevención do sedentarismo e da obesidade.
O Congreso Internacional sobre o ensino da Educación Física e o Deporte escolar está organizado pola Federación Española de Asociacións de Docentes de Educación Física, e coorganizado pola Asociación Galega de Docentes de Educación Física e as Universidades de Vigo e A Coruña.











