O Teucro eliminou ao Academia Octavio na segunda semifinal
S.D. Teucro, 28: Juan Bar (1), Marcos Dorado (4), Carlos Pombo (2), David García (6), Alejandro Pombo (3), David Chapela (1), Miguel Porto (1), Tomás Moreira (1), Víctor Rodríguez (3), Daniel Cadilla, Iván Fernández, César Armán, Carlos García (3), Borja Fernández (2) e Miguel Sio (1).
Academia Octavio, 26: Pablo Lorenzo, Víctor León, Manuel Martínez (3), Germán Hermida (3), Antón Giráldez, Pablo Chantada, José A. Fernández (4), Gonzalo Carro (2), Jorge García, Javier Fernández (1), Marcos González, Francisco González (2), Javier Barba (4) e Daniel Hernández (7).
Árbitros: Andrés Rosendo e Sergio Rodríguez (Colexio galego). Excluíron dous minutos a Marcos Dorado e Miguel Sio polo Teucro e a Pablo Lorenzo, José A. Fernández e Gonzalo Carro (en dúas ocasións) polo Academia Octavio.
Marcador cada cinco minutos: 1-4, 4-7, 7-9, 7-10, 9-11, 13-12 (descanso), 15-15, 16-16, 19-19, 22-21, 25-23 e 28-26 (final).
Incidencias: Segunda semifinal da Copa Galicia de Balonmán Masculino que se desenvolveu no Pavillón da Cañiza. Moi boa entrada e gran ambiente nas gradas. Acudiu ao partido o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro.
Crónica: Xa coñecemos aos dous finalistas da Copa Galicia de balonmán masculino: Frigoríficos do Morrazo e S.D. Teucro. Mañá, disputarán a final ás 12:45 horas no Pavillón do Rosal, despois de ter que enfrontar ambos conxuntos unhas complicadas semifinais.
A segunda semifinal enfrontou a Teucro e Academia Octavio, dous conxuntos que este ano se verán as caras na División de Honra. Comezou mandando o equipo vigués, que moi pronto logrou poñerse arriba no marcador (con tres goles a favor). Pero a medida que avanzaba o choque, o Teucro ía asentándose na cancha e foi recortando pouco a pouco, ata que nos últimos minutos da primeira metade logrou un parcial de 4-1, que lle permitiu irse ao tempo de descanso por diante no marcador (13-12).
E na segunda metade xa non houbo concesións por parte de ningún dos equipos. Así, avanzaban os minutos con empates continuos no marcador ata que a falta de dez minutos para o final o conxunto pontevedrés logrou unha pequena distancia de dous goles a favor (25-23) que soubo manexar ata o final do choque (28-26), e así plantarse na final de mañá.











